O PSdeG-PSOE Ourense vén de celebrar unha sesión ordinaria da Comisión Executiva Provincial na sede comarcal do partido en Ribadavia na que, entre outras cuestións, se acordou convocar unha sesión ordinaria do Comité Provincial –máximo órgano socialista entre congresos– o vindeiro sábado, 22 de novembro, no Carballiño. As e os socialistas inician deste xeito as reunións da Executiva Provincial ao longo da provincia, tal e como se comprometeron no V Congreso Provincial.
Durante o encontro de hoxe en Ribadavia, entre outras cuestións de índole política, social e orgánica, as e os integrantes da dirección provincial socialista puxeron de manifesto a “importancia de pórse a traballar no territorio”, co obxectivo de “reforzar o poder municipal” do partido, nun “momento clave” no que “chegou o momento de traballar a reo” de cara aos “importantísimos” comicios municipais do 2027, nos que “sen dúbida algunha se mellorarán os resultados acadados no 2023”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
As e os socialistas deron conta dos avances ao longo dos últimos meses, trala última sesión, na que se realizaron reunións ao longo de tódalas comarcas e se constituíron as coordinadoras comarcais. A Executiva Provincial, a través dos informes do secretario xeral provincial e do secretario de organización fixeron fincapé en que “é momento de reforzar a presencia do partido nas diferentes comarcas e municipios, xa que temos as eleccións do 2027 á volta da esquina”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Aráujo, puxo de manifesto que “neste mandato imos desprazarnos ao longo de toda a provincia”, e sinalou que “comezamos no Ribeiro, unha importante comarca na que contamos con alcaldías históricas e representación en numerosos concellos”. Asemade tamén aseverou que “imos formar as mellores candidaturas posibles, con grandes candidatos e candidatas para obter un partido máis forte en cada concello e en toda a provincia”.
Vila afirmou durante a súa intervención que “traballaremos intensamente no territorio, escoitando as nosas bases, traballando cóbado con cóbado con eles e acadando un partido máis activo e forte, que siga medrando e que recupere músculo en cada comarca e concello”. Durante a reunión tamén se deu conta dos diferentes actos que a Executiva Provincial organizará nas vindeiras semanas e que se celebrarán en diferentes puntos da provincia.
















