O PSdeG-PSOE de Ourense puxo fin en Ribadavia a primeira sesión de reunións orgánicas pola provincia, cun encontro con representantes socialistas da comarca do Ribeiro, na que se deu conta da constitución da coordinadora comarcal O Ribeiro/O Carballiño, que estará dirixida por María Luz Roo Cabo, concelleira do grupo municipal de goberno de Maside.
Na xuntanza participaron o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; e a vicesecretaria xeral da Executiva Provincial, Carmen Rodríguez Dacosta. A comarca estivo representada por cargos do partido nos municipios de Ribadavia, Melón, Carballeda de Avia, Leiro, A Arnoia e Cenlle.
Dende a Executiva Provincial poñen de manifesto que esta primeira toma de contacto coas comarcas “permitiunos coñecer de primeira man as necesidades de cada unha delas e de cada concello e comezar a traballar ca vista posta nas eleccións municipais do 2027”. As e os socialistas apuntan que “a maquinaria do partido xa está en funcionamento e o obxectivo é confeccionar as listas máis sólidas e fortes posibles, con candidatos e candidatas de primeiro nivel para aumentar a representación municipal”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense apostan por reforzar o partido nunha comarca “clave” como é o Ribeiro e na que buscarán “aumentar a representación nos municipios, obter novas alcaldías e seguir avanzando no desenvolvemento do proxecto socialista”. A Executiva Provincial considera “primordial percorrer o territorio, escoitar a nosa xente, traballar cóbado con cóbado con eles e comezar a mobilizar ás bases do partido, atraer novos militantes e xerar espazos para o diálogo e o debate, tanto coa veciñanza, como cos axentes sociais”.
En relación á comarca do Ribeiro, actualmente gobernase en Melón e Carballeda de Avia e cóntase con representación nos municipios de Ribadavia, Leiro, A Arnoia, Beade, Cenlle e Castrelo de Miño. A meta marcada é manter ambas alcaldías, sumar novas, aumentar a representación en cada concello e lograr representación novamente en Avión.

















