A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), situada en Leiro, con motivo do seu 40 aniversario. Acompañados polo alcalde de Leiro, Francisco Fernández, e os deputados no Parlamento Miguel Ángel Viso e Juan Manuel Casares, a conselleira destacou o papel referente deste centro, tanto a nivel nacional coma internacional, a prol do desenvolvemento e mellora do sector a través da preservación da diversidade, do impulso da investigación e innovación e a garantía da sustentabilidade da viticultura galega.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Neste sentido, salientou o labor da Evega na preservación e rexistro oficial do patrimonio xenético vitícola galego a través do seu Banco de Xermoplasma de vide de Galicia, no que se conservan máis de 200 ecotipos de 67 variedades, sendo o 80% de cultivo tradicional galego. A conselleira explicou que a través deste labor, o centro contribuíu na recuperación da variedade Godello a través do proxecto Revival.
Gómez tamén puxo en valor o desempeño en materia de mellora xenética, o que o sitúa como un dos centros máis avanzados da Península neste sentido. Deste xeito, detallou que o seu viveiro lidera o desenvolvemento de máis de 35 clons certificados de variedades brancas e tintas que se poñen a disposición dos viticultores para plantar viñedos equilibrados e sostibles.
Ademais destes campos de traballo, a conselleira explicou que na Evega tamén se está a estudar a adaptación ao cambio climático das viñas, ao mesmo tempo que se aposta pola investigación. Neste ámbito, resaltou a participación no proxecto Fitovit, que busca protexer o viñedo fronte ás enfermidades para reducir o uso de produtos químicos e garantir unha produción sostible e competitiva.
A conselleira salientou que o Goberno galego manterá o seu apoio ao sector vitícola no 2026 cun investimento de arredor de 12 millóns de euros en diferentes liñas de achegas, como son a de reconversión e reestruturación de viñedo, a de promoción dos viños en mercados de terceiros países e as de elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, entre outros.
A maiores, en materia de promoción reforzarase o Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia cun investimento de 10 millóns de euros, incrementando o orzamentos con respecto a este 2025. Tamén lembrou que a Evega se puxo a disposición do sector para colaborar e analizar os efectos dos incendios.









