O Concello de Piñor programa unha exposición e un espectáculo teatral contra a violencia de xénero

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Piñor, como cada ano, levará a cabo unha programación de iniciativas polo 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Por unha banda, dende o 31 de outubro ata o 13 de novembro, poderase visitar nas instalacións do concello a exposición “Á violencia de xénero dille NON”, unha actividade concedida pola Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, no marco do acordo de colaboración asinado entre este departamento e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), pola que se forma a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, da que o Concello de Piñor forma parte.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

Coa devandita exposición, preténdese que a poboación  aprenda a identificar a violencia de xénero e as principais manifestacións que se dan sobre todo entre a mocidade,  tamén a discernir que é e que non é unha actitude machista nunha relación e a diferenciar unha relación tóxica e machista dunha igualitaria. Toda persoa interesada en visitar esta iniciativa pode acudir á Casa do Concello en horario de 8,30 a 15,00 horas, ata o vindeiro 13 de novembro.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Outra iniciativa municipal polo 25N é o espectáculo “Daniel e Daniela”, un contacontos familiar sobre igualdade de xénero da compañía Trémola Teatro, que terá lugar o domingo 30 de novembro, ás 18,00 horas no Centro Cultural de Arenteiro. A entrada é de balde e animamos a toda a poboación a acudir a esta representación teatral, que ademais de facernos pasar unha tarde de domingo divertida e amena, pretenderá que nenos, nenas, familias e poboación xeral reflexionemos sobre a importancia de eliminar os estereotipos de xénero.

Esta actividade xorde dende o Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, que ademais de traballar con familias de forma individualizada, leva a cabo actividades comunitarias destinadas a traballar obxectivos concretos do programa, cofinanciada parcialmente co Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Dende o Concello de Piñor anímase a participar nestas iniciativas, sendo a loita contra a violencia de xénero algo que atinxe a todos e todas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------