
O Partido Popular do Irixo vén de iniciar unha nova etapa aprobando a constitución dunha xestora local e propoñendo a Álvaro Penedo para a presidencia. Os militantes populares adoptaron esta decisión no transcurso dunha reunión á que tamén asistiu o presidente provincial, Luis Menor, e a secretaria xeral, Sandra Quintas.
A posta en marcha desta xestora, que deberá ser ratificada pola Xunta Directiva provincial, ten como principal obxectivo impulsar o traballo político e de organización da agrupación local, de cara ás eleccións municipais de 2027.
Luis Menor puxo en valor a decisión da militancia pois supón, asegurou, “que os populares do Irixo queren recuperar a actividade e a presenza do partido na vida local”. Un paso esencial, dixo, “para ter de novo a histórica maioría que sempre tivo o PP neste concello”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O presidente provincial tamén valorou a proximidade á política local do candidato á presidencia da xestora, na súa condición de familiar do que fora alcalde durante tres décadas, Manuel Penedo, falecido en agosto de 2019 e nomeado Fillo Predilecto do Irixo a título póstumo en 2021.
Pola súa banda e tras aceptar a súa proposta para a presidencia da xestora, Álvaro Penedo afirmou que asumía esta responsabilidade con “ilusión e forza”, coa esperanza de preparar o partido nas mellores condicións para afrontar próximas citas electorais.
Na reunión, tanto os militantes como a dirección provincial lembraron e agradeceron o traballo realizado polos antecesores nas responsabilidades orgánicas da agrupación local do Irixo.









