O Concello de Piñor ten preparado un amplo programa de actividades e iniciativas que se levarán a cabo neste Nadal 2025/2026. Por unha banda, durante estas vacacións do Nadal levarase a cabo o programa de actividades “Xogar non ten xénero III”, que ten por finalidade o desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, contando co financiamento do Ministerio de Igualdade. Trátase dunha alternativa para a conciliación da vida familiar e laboral que consiste nun conxunto de actividades para traballar a igualdade e a prevención da violencia de xénero cos nenos e nenas de entre 3 a 12 anos, dun xeito lúdico e divertido
O programa terá lugar de 9,00 a 14,00 horas no Centro Cultural de Arenteiro, dende o 22 de decembro de 2025 ó 7 de xaneiro de 2026. O programa ten un número de prazas limitadas, que serán concedidas seguindo un baremo de puntuación, que pode ser consultado nas bases de inscrición publicadas para este fin na sede electrónica do Concello de Piñor e no taboleiro de anuncios físico municipal. O prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de decembro.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Neste Nadal, o Concello de Piñor tamén ofrece outras tres actividades. A primeira, o concurso infantil de postais “Nadal con Crecipiño” para cativos de entre 6 e 16 anos. Os traballos deberán ser debuxos de Crecipiño, decorado e ambientado con motivos do Nadal, valorando calidade artística pero tamén orixinalidade, así como que o debuxo transmita o obxectivo base que representa Crecipiño e o Programa de Educación e Apoio Familiar (que os nenos e nenas crezan ben, sans e felices nas súas familias). O prazo de entrega dos traballos rematará o 4 de decembro.
A segunda consistirá no Campionato de Scalextric “Xogar non ten xénero III”, con tres categorías por idades e cunha clasificación feminina xeral. Terá lugar o 20 de decembro no Centro Cultural de Arenteiro e o prazo de inscrición é ata o 17 de decembro. Tamén haberá unha excursión a Pazolandia, podendo inscribirse directamente para ambas iniciativas. Posteriormente, abrirase un prazo para inscrición nas prazas que queden libres, e ás cales pode acceder calquera persoa.
Asemade, Papa Noel acudirá a visitar ós nenos e nenas durante as actividades diarias do programa “Xogar non ten xénero III”, máis concretamente o día 23 de decembro.









