O xurado da 14ª edición dos Premios Arenteira decidíu conceder o galardón no eido de Cultura e Investigación ao Novocine de Leiro, empresa fundada en 1983 por Ernesto Romero, un veciño do municipio amante da sétima arte e que dende entón mantén aberta a súa sala de proxeccións, única nas comarcas do Ribeiro e O Carballiño.
O artífice deste proxecto é Ernesto Romero (Lebosende, Leiro, 1952), que se achegou ao cinema con tan só oito anos de idade, cando viu a súa primeira película: “Alma Gallega”, de Armando Hermida Luaces. A súa afección medrou tanto que recollía os fotogramas que tiraban no lixo, ao lado da sala de cine. Traballou como operador de cabina en Vilagarcía de Arousa e Vigo ata que o 28 de mayo de 1983 inaugurou o Novo Cine en Leiro.
En 2009, Romero decidiu comprar un proxector dixital en 3D, convertendo a súa sala na única de toda a provincia de Ourense que podía proxectar películas neste formato, logrando encher este espazo en numerosas ocasión coa estrea, un ano despois, da película “Avatar”.
E tamén en recoñecemento á súa traxectoria, Ernesto Romero, é o protagonista dun documental dirixido polo produtor e comunicador Simone Saibene, nun proxecto audiovisual apoiado pola Deputación de Ourense e que rende homenaxe ao promotor desta sala de cine.
A acta do xurado dos XIV Premios Arenteira destaca que Ernesto Romero “funda este emblema cinematográfico nos anos 80, anos nos que a industria de proxección está en franca crise en todo Europa e vive peches masivos das salas. El, teima no seu afán por mantelo vivo e non só o consegue senón que convértese en pioneiro no cine dixital e 3D na provincia de Ourense e un dos primeiros en Galicia, chegando a hipotecarse por lograr este soño”.
Os integrantes da xunta seleccionadora tamén salientan que, “Dende o seu inicio, mantén prezos populares e cine de estrea. Crea, ó tempo, un pequeno pero ilustrativo Museo do Audiovisual dentro da propia sala sendo a única con programación estable que se mantén nas comarcas do Ribeiro e do Carballiño”.
O galardón de Cultura e Investigación seralle entregado a Ernesto Romero o vindeiro día 28 de novembro, venres, no decurso da gala dos Premios Arenteira correspondentes a esta 14ª edición, que terá lugar no Auditorio Manuel María do Carballiño.
Un acto ao que está convidada todas a veciñas e veciños de Leiro e das comarcas do Ribeiro e O Carballiño que desexen acompañar ao galardoado neste intre de recoñecemento pola súa traxectoria.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS









