O Concello de Castrelo de Miño celebrou hoxe, no Salón de Plenos, o acto institucional con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data que serve para visibilizar, condenar e rexeitar con firmeza todas as formas de violencia machista, así como para amosar o apoio ás mulleres que a sofren e ás súas familias.
O acto, que tivo lugar ás 12:00 horas, comezou coa lectura dun manifesto no que o Concello expresou o seu compromiso absoluto coa loita contra a violencia de xénero e coa defensa dos dereitos, da liberdade e da dignidade das mulleres. Durante a lectura, subliñouse a importancia da implicación de toda a sociedade para erradicar esta lacra que continúa afectando a milleiros de mulleres cada ano.
Ao remate do acto, o Concello fixo entrega dun recordo conmemorativo ás persoas asistentes como símbolo do compromiso colectivo de Castrelo de Miño coa igualdade e coa erradicación da violencia contra as mulleres.
O alcalde destacou que “hoxe é un día para lembrar ás vítimas, para apoiar ás mulleres que sofren violencia e para reafirmar a firme vontade deste Concello de seguir traballando para que Castrelo de Miño sexa un espazo seguro, igualitario e libre de violencia”. Tamén convidou a toda a veciñanza a “sumarse activamente a esta loita común, na que cada xesto conta e cada voz é necesaria”.
O Concello de Castrelo de Miño reafirma así o seu compromiso coa igualdade, a prevención e a sensibilización, lembrando que a violencia contra as mulleres non é un problema privado, senón unha responsabilidade colectiva.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS









