O concello de Castrelo de Miño e a Consellería de Política Social, reforzan o seu compromiso coas persoas maiores cun novo programa de promoción da autonomía persoal

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que permitirá poñer en marcha o novo Programa de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia “Estamos preto de ti”, unha iniciativa dirixida a mellorar o benestar, a participación social e a calidade de vida das persoas maiores do municipio.

Avelino Pazos, quixo trasladar un agradecemento especial á conselleira de Política Social, Fabiola García, polo seu “compromiso continuo con Castrelo de Miño e coas nosas persoas maiores”, lembrando que “este tipo de programas son fundamentais para garantir que envellecer no rural siga sendo compatible con vivir con autonomía, dignidade e unha vida social activa”.

Un programa pensado para reforzar a autonomía e combater o illamento

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Estamos preto de ti” nace como resposta aos retos do envellecemento no rural. O seu obxectivo é ofrecer un apoio integral que permita manter capacidades, potenciar relacións sociais e mellorar o estado físico, emocional e cognitivo dos usuarios.

O programa inclúe actuacións en cinco grandes áreas:
• Habilidades psicosociais, para mellorar a integración e a participación na comunidade.
• Activación cognitiva, con actividades destinadas a manter memoria, atención e toma de decisións.
• Autonomía funcional, traballando tanto as actividades básicas como instrumentais da vida diaria.
• Lecer e tempo libre, para evitar o sedentarismo e fomentar vínculos sociais.
• Benestar emocional, achegando ferramentas para afrontar situacións cotiás e mellorar o estado de ánimo.

A metodoloxía combina actividades prácticas, exercicio físico adaptado, uso de novas tecnoloxías, debates, cinefórum, saídas, celebracións especiais e accións de convivencia tan emblemáticas como a Festa do Maior de Castrelo de Miño.

A actuación conta cun investimento total de case 60.000 euros, destinados a actividades terapéuticas, xogos interactivos, uso de tecnoloxías, programas de exercicio, accións culturais, cine e actividades de convivencia, entre outras, un paso máis na atención aos maiores.

O alcalde destaca que este convenio supón “un impulso decisivo para consolidar un modelo de atención próximo, humano e adaptado á realidade do rural”, reforzando o compromiso do goberno local cunha das súas prioridades: que as persoas maiores de Castrelo de Miño poidan vivir máis tempo, pero sobre todo mellor.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------