O Carballiño acollerá o vindeiro luns a fase previa do Campionato Galego de seleccións de fútbol sala

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño será sede do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol Sala o próximo luns 8 de decembro. Máis de 200 xogadores de 20 equipos das categorías de infantil, alevín e benxamín competirán neste gran evento deportivo para xogar a fase final, que terá lugar en Marín o 22 de decembro. A cita, impulsada pola Real Federación Galega de Fútbol, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Concello do Carballiño, Concello de Maside e Club Carballiño Fútbol Sala.

“Desde o Concello queremos agradecer a colaboración das institucións, xa que estamos encantados de acoller este evento, que suporá a chegada de arredor dun milleiro de persoas ao municipio, entre xogadores e familiares, que desfrutarán do campionato e da nosa hostalería, comercio e gastronomía”, apuntou esta mañá José Castro, tenente alcalde e concelleiro de Deportes, na presentación do campionato, que se levará a cabo no Pavillón Paco Chao e no anexo e no pavillón municipal de Maside.

José Manuel Vázquez, do Club Carballiño Fútbol Sala, puxo en valor este tipo de citas deportivas que supoñen “unha oportunidade para seguir dándolle difusión ao fútbol sala” entre as novas xeracións. Manuel Pérez, xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, enxalzou a “gran actividade deportiva” do Carballiño e agradeceu o traballo do goberno local e dos clubes locais.

Pola súa parte, Enrique Álvarez, asesor de Deportes na Deputación de Ourense, destacou a colaboración institucional para levar a cabo eventos de este tipo, “que axudan a poñer O Carballiño no mapa autonómico”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Julio Mougán, presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, convidou á poboación a desfrutar da cita deportiva e detallou as claves do campionato. “As 20 seleccións participantes xogan en formato todos contra todos e só se clasifican os dous primeiros de cada categoría para a fase final en Marín”, apuntou. Os 20 equipos participantes correspóndense coas categorías infantil masculino, alevín masculino, benxamín mixto, infantil feminina e alevín feminina.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------