A Xunta inaugura en Ribadavia o mercado ‘Artesania, Saber e Sabor’ como punto de partida do proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañados delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, outros representantes do Goberno autónomico e polo alcalde de Ribadavia, César Fernández, participaron no percorrido inaugural da segunda edición do evento Artesanía, Saber e Sabor, que se celebrará durante toda esta ponte na vila do Ribeiro e que marcará tamén o inicio do proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas, impulsado pola Xunta no marco das accións do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Durante a súa intervención, o conselleiro convidou a gozar da ampla programación prevista para estes días en Ribadavia arredor dos produtos artesáns e alimentarios de calidade e sinalou que este mercado significará tamén un punto de inflexión na recuperación do tecido comercial da vila a través dos seus elementos tractores. Así, indicou que, xunto coas accións que se desenvolverán estes días na Praza Maior, na igrexa da Madalena e noutros enclaves da vila, parte das actividades deste Nadal terán lugar xa nos nove locais —dos 15 que chegarán a formar parte do proxecto en 2026— que veñen de ser acondicionados para integrarse en Vilas Vivas. Tres deles, apuntou González, xa están adxudicados a Pura Vila, Colado de Sabores e A Tafona do Camiño —que abren hoxe as súas portas—, mentres que o resto acollerán diferentes obradoiros e actividades durante este mercado e tamén no Nadal, en sinerxía co conxunto da vila.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

José González puxo tamén en valor as sinerxías de Artesanía, Saber e Sabor e de Vilas Vivas co resto do tecido comercial de Ribadavia, que como novidade neste mercado contarán cun espazo específico na Alameda e, ademais, varios locais reforzaron a súa imaxe en liña coa do proxecto. A isto, engadiu, súmase a decoración de escaparates emblemáticos da vila, o que contribuirá a embelecer aínda máis o espazo e a atraer visitantes. O conxunto de actividades comerciais e de lecer, indicou o conselleiro, permitirá ao público gozar de Ribadavia e reforzará o comercio local como motor económico, social e turístico, contribuíndo á atracción de visitantes e á xeración de riqueza e emprego.

Durante a visita, o alcalde, César Fernández, lembrou que a primeira edición deste mercado xa resultara un éxito, asegurando que “congregou en Ribadavia durante a ponte festiva máis de oito mil persoas”, un dato que —explicou— motivou a repetir a iniciativa este ano “co obxectivo de alcanzar de novo ese éxito colectivo”.

Fernández quixo tamén agradecer o apoio da administración autonómica: “En nome de todos os veciños e veciñas de Ribadavia, quero expresar o meu agradecemento á Xunta de Galicia e ás Consellerías de Medio Rural e de Emprego pola súa implicación para facer posible unha actividade como esta”.

O rexedor destacou ademais o peso que o proxecto Vilas Vivas terá no futuro da vila, subliñando que se presenta como “un proxecto no que teño moitas esperanzas depositadas para que sexa realmente transformador de Ribadavia”. Por último, convidou á cidadanía a achegarse durante a ponte: “Agardo que esta edición sexa un éxito e aproveito para convidar a todos e todas a desfrutar do noso casco histórico, dun entorno marabilloso e de produtos de máxima calidade”.

Aposta pola promoción dos produtos de calidade

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural destacou que este é o primeiro dos mercados de Artesanía Alimentaria que se celebrarán este Nadal na nosa comunidade. Do 12 ao 14 de decembro terá lugar un en Ferrol e, do 19 ao 21, en Lugo. Neste sentido, afirmou que este tipo de inciativas serven para poñer de relevo o bo facer dos produtores galegos e, incidiu que actualmente o selo de Artesanía Alimentaria conta con 151 operadores que ofrecen unha ampla variedade de produtos para todos os gustos.

María José Gómez reafirmou o compromiso do Goberno galego a prol da promoción dos proprodutos agroalimentarios de calidade galegos. Por iso, explicou que estes mercados enmárcanse dentro do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do cal se promocionan os distintos indicativos cos que conta a comunidade, e ao cal no próximo ano se destinarán 10 millóns de euros, dous máis que neste 2025.

Programación de ‘Artesanía Saber e Sabor’

Desde hoxe e ata o luns 8, en horario de 11,00 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,00 h., o casco histórico de Ribadavia converterase nun gran mercado aberto de produtos amparados baixo os selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia, ademais de escaparate para o comercio local.

Concretamente contará con 14 obradoiros de Artesanía de Galicia distribuídos entre a Igrexa da Madalena e a rúa Banda da Lira —xa nos locais integrados no proxecto Vilas Vivas—, así como con obradoiros gratuítos para todos os públicos e cursos de formación especializada en artesanía vinculada ao Nadal e, como novidade, un espazo específico na Alameda onde os comercios de Ribadavia poderán ofrecer os seus produtos.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural contará con diversos espazos na Praza Maior para promocionar os produtos agroalimentarios galegos amparados por distintivos de caldiade diferenciada. En concreto, haberá unha carpa na que estarán presentes 31 produtores de Artesanía Alimentaria, un espazo dedicado a catas de viños coa participación de 14 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e outro reservado para actividades infantís.

A maiores, na rúa Yáñez contarase con outra zona para a degustación de produtos de calidade diferenciada chamado “Cousas ricas”, no que se poderán probar receitas elaboradas con estes alimentos. A programación completarase con actividades musicais, espectáculos de maxia e baile, así como sorteos de lotes de Artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria e tamén coa visita de Papá Noel.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------