https://www.facebook.com/share/v/1BuNAzb1GX
A localidade ribeirá de Castrelo de Miño acolleu onte unha das probas senlleiras da fin de ano, a carreira San Silvestre, que acadou a súa 27ª edición consolidándose como a máis antiga da provincia de Ourense. Máis de 250 atletas de tódalas categorías e chegados de diferentes puntos da xeografía galega foron quen de enfrontarse ao frío e á neboa e ao circuíto de 5,5 quilómetros con saída e meta nas instalacións do Parque Náutico de Galicia, á beira do encoro do río Miño.
Cun excelente ambiente familiar e de compañeirismo entre os participantes, finalmente o triunfo absoluto correspondería ao carballiñés Héctor Rodríguez Vázquez, do Club Deportivo La Purísima, que logrou chegar a meta nun tempo de 17.24 minutos, nun apretado sprint no que lle sacou tan só un segundo ao seu conveciño Albino Fernández García (17.25) e tres segundos ao terceiro clasificado, Alejandro Montero López (17.27), da Sociedade Deportiva Compostela.

Tamén destacaron nos primeiros postos desta proba os carballiñeses Álvaro Soto Des, 4º e cun tempo de 17.33; Michel Remigio Lorenzo, 12º, en 19.44, e Damián Bardelás Álvarez, 18º con 20.19 minutos. E da comarca do Ribeiro, salientar as clasificacións de Marcos Rodríguez Vázquez, de Leiro e integrado nas filas de Club Atletismo Arenteiro, 7º e con 18.05, por diante do ribadaviense Iván Docampo González, 8º e con 18.45



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Do Ribeiro tamén foi a primeira atleta feminina e triunfadora na súa categoría, Uxía Rodríguez Negreira, de Cenlle, que acadou un tempo de 20.09 minutos chegando no posto 16º, por diante de Emilio José Garrido (17º), atleta local de Castrelo pertencente a La Purísima (20.21) e de Jacob Paz (19º), de Carballeda de Avia e do equipo Cabo de Peñas, con 20.24.
Ao remate da competición, os participantes e o público foron convidados a un chocolate quente e, a continuación, tivo lugar a entrega dos correspondentes trofeos e agasallos aos gañadores das diferentes categorías por parte do alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, e membros da organización. O rexedor aproveitou esta ocasión para desexar a tódolos asistentes e á veciñanza un feliz 2026.









