O PSdeG- PSOE de Leiro vén de presentar a través do rexistro unha serie de alegacións á modificación da ordenanza reguladora das axudas por nacemento, co obxectivo de mellorar a eficacia da medida e garantir un uso “xusto e responsable ”dos fondos públicos municipais. Dende o grupo municipal socialista de Leiro consideran “ positivo ”que o Concello impulse políticas de apoio á natalidade, pero advirten de que o deseño da ordenanza “ non pode afastarse do seu obxectivo principal, que non é outro que fixar poboación e apoiar ás familias que viven,traballan e desenvolven a súa vida en Leiro ”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Os concelleiros socialista de Leiro, Pedro José González e Manuel Rodríguez, subliñan que as alegacións presentadas poñen o foco nunha cuestión clave como é que o empadroamento “por si só non garante a residencia real e efectiva no municipio, polo que se propón incorporar criterios que acrediten que a vida persoal, familiar e social das persoas beneficiarias se desenvolve en Leiro”. “O que defendemos é de sentido común”, afirman os edís socialistas, que tamén apuntan que “as axudas municipais deben chegar ás familias que realmente viven en Leiro, que fan uso dos servizos públicos e que contribúen ao futuro do noso concello”.
A proposta socialista inclúe tamén un apartado para que se avalíe periodicamente o impacto destas axudas e comprobar se realmente cumpren a súa finalidade, e se os recursos públicos se están a empregar “dun xeito eficiente”.
O PSdeG- PSOE de Leiro reitera a súa vontade de “aportar, mellorar e construír, exercendo unha oposición responsable, centrada nos intereses xerais da veciñanza e afastada de calquera debate persoal”.









