O Concello de Maside prepara a súa programación de Entroido coa celebración do tradicional desfile, que terá lugar o luns, 16 de febreiro, a partir das 17,00 horas. Todas aquelas comparsas e grupos interesados en participar no desfile deberán inscribirse previamente. O prazo para anotarse rematará o vindeiro xoves, 12 de febreiro, ás 14,00 horas, e o horario dispoñible é de 9,00 a 14,00 horas, nas oficinas de Servizos Sociais ou por teléfono no número 988.401.108.
As comparsas ou grupos que queiran beneficiarse da subvención por participar deberán inscribirse, ter un número mínimo de 10 compoñentes e presentar os datos dun representanteA inscrición e participación no desfile das comparsas e grupos, supón a aceptación íntegra destas bases. Todas aquelas comparsas ou grupos que non se atopen inscritas dentro do prazo correspondente non poderán optar ás subvencións aínda que si se lles permitirá participar no desfile.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A contía máxima da subvención estará determinada polo número de participantes de cada comparsa ou grupo, segundo o baremo seguinte por categorías: A, de entre 10 e 35 participantes, 200 euros; C, de 36 a 50, 300 euros; D, de entre 51 e 75, 400 euros, e, finalmente, a categoría E, de máis de 75 participantes, recibirá 500 euros.
Para incentivar a tradición local o grupo de Felos de Garabás inscrito terán unha subvención extraordinaria de 500 euros, e tamén haberá unha categoría especial das Carrozas de Parada de Amoeiro, que deberán reunir os requisitos anteriormente citados, pero a súa subvención será de 1.000 euros debido ao numeroso grupo que as compoñen.
As comparsas e grupos deberán estar na explanada da Alameda de Maside con anterioridade ás 17,00 horas, hora á que dará comezo o desfile, con saída da Alameda de Maside, baixada pola rúa Principal e subida pola rúa Rodríguez Soto, para logo voltar a baixar por segunda vez pola rúa Principal ata a Praza Maior.
Rematado o desfile, na Praza Maior estará instalada unha carpa onde se ofrecerá unha chocolatada para as persoas participantes no desfile e para todas aquelas persoas disfrazadas que se queiran achegar.









