A Rede Provincial de canceiras, que presta servizo actualmente a 86 concellos da provincia en materia de recollida, custodia e xestión de animais abandonados, recolleu no ano 2025 un total de 632 cans, dos cales 113 devolvéronse ao seu propietario, 453 foron adoptados e dous recibiron a eutanasia terapéutica.
Neste servizo, que se leva a cabo normalmente nas 24 horas posteriores ó aviso, non están incluídos os animais que foron entregados aos propietarios no lugar de orixe, 70 en total, porque non chegan a ser inscritos no libro de rexistro.
No que respecta ás devolucións ao propietario cabe destacar que se logra case un 100% dos animais identificados con microchip, que seguen sendo a minoría, a pesar de ser obrigatorio desde hai anos. Dos non identificados, tan só un 10% aproximado pode ser devolto.
En canto ás adopcións, continúa a lograrse unhas cifras excelentes, grazas en boa medida, ó labor que realizan as asociacións colaboradoras que son responsables de máis dun 76% das adopcións. Neste sentido, cabe destacar que a adopción realízase nun tempo moi curto, xa que máis do 75% dos animais son adoptados no primeiro mes, tralo cumprimento do período de custodia legal e, ao redor do 95%, no primeiro ano.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
De feito, os animais que permanecen máis dun ano adoitan ser de razas potencialmente perigosas, cans de raza grande ou con serios problemas de manexabilidade. Con todo elo, actualmente só hai un animal que leva máis de 3 anos nun dos centros de acollida da Deputación, concretamente no da Rúa.
En canto ás asociacións colaboradoras coa Deputación vía convenio, atópase a Asociación Agallas que desenvolve a súa actividade ligada ao centro de recollida de Xinzo de Limia e a Asociación Arume que fai ese mesmo labor na do Carballiño. Tamén colaboran sen estar subscritas ao convenio a Asociacións Peludines sin suerte na Rúa e en Muíños un particular é o que xestiona a maior parte das adopcións neste centro.
O papel de todas elas é fundamental na mediación das adopcións e dos bos resultados que son atribuíbles, en gran medida, ao seu labor. No caso da protectora Arume, que xestiona todas as adopcións do refuxio A Medela no Carballiño, está a levar a cabo un importante labor de acollida de animais que precisan atencións que, dificilmente, se lles poden prestar nos centros de acollida ou de aqueles cuxo ingreso nos centros non é recomendable polo risco de enfermidade na presenza doutros animais.
Entre as 270 adopcións xestionadas por Arume, figuran oito camadas cun total de 48 cachorros, e 52 cachorros que foron recollidos sen nai, máis de 20 enfermos ou atropelos e senís. Todos eles foron acollidos o tempo necesario ata lograr a súa adopción. Pola súa banda, a asociación Agallas xestionou un total de 85 adopcións en Xinzo de Limia.
















