O Concello da Arnoia finalizou a avaliación dos danos ocasionados polas intensas choivas rexistradas durante este inverno e polas sucesivas crecidas del Río Arnoia, que provocaron importantes desfeitas en diferentes infraestruturas municipais.
Tal e como destacan os informes elaborados polos servizos técnicos municipais, unha parte moi importante dos danos non se debe unicamente á forza da auga, senón ao arrastre de innumerables troncos, ramas e árbores completos procedentes de zonas máis altas da conca do río, que ao chegar ao municipio convértense en auténticos proxectís que impactan contra o mobiliario urbano e as infraestruturas públicas da contorna fluvial.

Desde o Concello subliñan que a auga por si soa non causaría nin unha décima parte dos danos rexistrados, sendo o impacto destes grandes restos vexetais o principal responsable das desfeitas.
Trátase ademais dunha problemática recorrente que o municipio vén sufrindo desde hai anos. O alcalde, Rodrigo Aparicio Santamaría, lembra que xa no ano 2021 unha importante riada deixou nas áreas recreativas municipais toneladas de ramas e árbores, provocando graves danos en pasarelas e pontones tradicionais, chegando mesmo a deixar incomunicadas ambas as beiras do río nalgunhas zonas de cultivo e arrasando un paso previsto dentro do futuro camiño cultural do Camiño Miñoto Ribeiro.
Nesta ocasión, as valoracións realizadas polos servizos técnicos municipais estiman os danos en aproximadamente 190.000 euros. As zonas máis afectadas foron as áreas recreativas de O Inquiau e As Poldras, ademais dunha estrada municipal, varias pistas de acceso ao monte de utilidade pública propiedade do Concello e o paseo fluvial do municipio.
Este último itinerario foi recoñecido hai apenas uns días coa distinción de Sendero Azul, un recoñecemento á calidade ambiental e turística do percorrido, que quedou seriamente danado polos efectos da riada.
Desde o Concello xa se realizaron os trámites correspondentes para solicitar ao Estado a colaboración económica do 50% dos gastos de reconstrución, tal e como establece a normativa vixente para este tipo de situacións.
Así mesmo, o alcalde Rodrigo Aparicio Santamaría confía en que a Deputación Provincial de Ourense poida habilitar unha liña extraordinaria de colaboración cos municipios máis afectados, de forma similar á que se puxo en marcha o pasado ano para axudar aos concellos que sufriron os efectos dos incendios forestais.

Por outra banda, o rexedor volve instar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a que intensifique os traballos de limpeza e mantemento dos leitos, tal como fai a Xunta de Galicia no ámbito da súa competencia, centrando os seus esforzos na prevención deste tipo de situacións. Neste sentido, lembra que aínda que a lexislación atribúe aos concellos determinadas responsabilidades en materia de limpeza, “de pouco serve que na Arnoia manteñamos os nosos leitos en condicións se os troncos e árbores que acaban causando os danos proceden doutros puntos da conca fóra do noso termo municipal”.
Finalmente, o alcalde sinala que, por desgraza, o devandito “chove sobre mollado” volve reflectir fielmente a realidade que viven os veciños da Arnoia, que ano tras ano se enfrontan a episodios similares con importantes consecuencias para o patrimonio natural, turístico e agrícola do municipio.









