Espazo Común reclama o consenso de tódalas forzas políticas para potenciar a riqueza termal do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción na que demanda un plan de recuperación do Carballiño como ‘Vila Termal’ tendo en conta os recursos mineromedicinais cos que conta o municipio. Neste sentido, solicita que o Concello retome “as conversas coa propiedade do Gran Balneario do Carballiño para explorar tódalas vías posibles que leven á súa modernización” e a elaboración “dun proxecto integral para a posta en valor do Bañiño de Arcos”, ademais da creación “dun Padroado de Termalismo con presenza de tódalas forzas políticas, as empresas implicadas, colectivos veciñais e especialistas na materia”.

Dende esta formación política lembran que “o termalismo foi, durante un bo treito da nosa historia, unha das maiores forzas socioeconómicas do pobo do Carballiño e das súas xentes. As anécdotas que aínda lembran moitos veciños de cando milleiros de visitantes se achegaban aquí cada ano a “tomar as augas“ son testemuño do pulo que algún día tiveron os balnearios por estas terras”. Engaden que “tanta foi a importancia do termalismo no noso pobo que este Concello concedeu a medalla de ouro (máxima distinción municipal) ao lembrado doutor Rodríguez Míguez polos seus estudos acerca das propiedades para a saúde das fontes termais que salpican a nosa xeografía”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

E apuntan que, na actualidade, “só a iniciativa privada no Balneario das Caldas de Partovia mantén prendida a chama porque en todo o demáis, a desidia política e as falsas promesas levan anos sendo un lastre que impide calquer avance. Levamos escoitado moitas promesas de toda índole para a dinamización do Gran Balneario, nunha situación única. Ao pé do Parque Municipal e case no centro de pobo, ten un potencial enorme que esmorece de xeito inexorable”. Ao respecto, suliñan que “hai máis de 10 anos que, por parte do alcalde Fumega, se anunciaba unha gran remodelación que incluía piscina climatizada, puzas exteriores e mesmo restaurante. Unha obra con inversión público-privada duns 4.000.000 € que rematou no mesmo caixón que tódalas bombas de fume desta decada perdida para o noso concello”.

O grupo de Espazo Común tamén cita “o caso da fonte de ‘O Bañiño’ en Arcos, de propiedade municipal, e que leva anos nun limbo no que só se levan a cabo pequenas actuacións puntuais, feitas para aproveitar subvencións, pero carentes de uniformidade nin proxecto global. Hai xa case cinco anos, traiamos a esta corporación unha moción para que se resolvera o problema de caudal que afecta a esa fonte pública de augas termais nos meses de estío. Pois ben, todo este tempo lle levou ao goberno PPSOE acometer algunha actuación para rematar coa instalación dunha pequena bomba manual cun custo de máis de 15.000 € que ten abraiados a tódolos visitantes”.

En consencuencia, Espazo Común conclúe que a moción está xustificada, porque “a recuperación do termalismo e da vida balnearia no Carballiño é unha obriga que este Concello ten que acometer sen máis demora”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------