A Xunta formaliza o pago pola expropiación dos terreos comunais do Parque Arqueolóxico de San Cibrán de Lás

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Galicia finalizou o proceso de adquisición das 15 hectáreas no ámbito do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, por un importe de case 242.000€, co que se rematan os trámites de expropiación amigable, iniciados en setembro de 2025, e da declaración da prevalencia de utilidade pública destes terreos. Así llo confirmou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ao representante da Comunidade de Montes Veciñais e Man Común de Cristimil e A Torre, Modesto Rodríguez, anteriores propietarios destes terreos ata este momento, e que estivo acompañado polo alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez Redondo.

“Cumprimos coa palabra dada”, afirmoulle neste encontro ao representante do Goberno galego, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, con respecto ao compromiso dado polo propio conselleiro de que o expediente estaría concluído “antes de que rematase o ano 2026”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Tal e como lembrou López Campos, o Parque Arqueolóxico conta cunha superficie total de 20 hectáreas, das cales 15 pertencían a esta Comunidade de Montes. “Trátase dun terreo que inicialmente foi cedido á Xunta de Galicia polo Concello e cuxa propiedade, posteriormente, foi outorgada á Comunidade de Montes pola vía xudicial”, informou antes de facer fincapé no feito de que, no ámbito desta superficie, está localizado o centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Las.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Este xacemento, que en novembro de 2025 declaramos Ben de Interese Cultural, é un dos máis destacados de Galicia polo seu tamaño, estado de conservación e a súa importancia tanto a nivel histórico como científico. “Por iso para a Xunta de Galicia era unha prioridade poñerlle fin ao conflito e avanzar na adquisición destes terreos”, precisou López Campos, engadindo que, coa fin deste proceso, “dáse carpetazo definitivo a este asunto”. “Trátase dun resolución histórica, froito do dialogo e consenso por un ben colectivo para toda a Comunidade”, salientou.

Ben de Interese Cultural

Cómpre lembrar que o Castro de San Cibrao de Las, situado a uns 20 quilómetros da cidade de Ourense, nos termos municipais de San Amaro e Punxín, conta xa co máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio arqueolóxico de Galicia ao terse declarado o conxunto como Ben de Interese Cultural.

Esta declaración fundaméntase no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacementos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, como elemento crucial da Idade do Ferro. Así o expediente destaca que a súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde ou seu abandono.

Foi precisamente esta singularidade a que fixo que a Xunta de Galicia o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación para difundir este coñecemento entre a poboación e os visitantes que recibe cada ano máis de 10.000 persoas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------