Hai un mes, o presidente provincial, Luis Menor, anunciaba no Concerto 8M a decisión de incrementar en máis dun 70% os fondos da Deputación destinados á convocatoria de proxectos sociais. Esta semana, coa publicación da convocatoria, cúmprese o anunciado naquel acto organizado pola Área de Benestar con motivo do Día Mundial da Muller
Con esta ambiciosa convocatoria, a Deputación de Ourense reafirma o seu papel como motor de apoio á iniciativa social, promovendo que as entidades conten cos recursos necesarios para desenvolver programas de intervención continuada e de sensibilización que cheguen aos colectivos máis vulnerables da provincia
Ourense, 24 de abril de 2026.
A Deputación de Ourense destina 600.000 euros á convocatoria provincial de proxectos sociais, a maior cifra da súa historia. Así, trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), as entidades sociais poderán presentar proxectos dirixidos aos colectivos máis vulnerables desde esta semana ata o vindeiro 18 de maio, data na que remata o prazo de presentación.
Con esta ambiciosa convocatoria, a Deputación de Ourense reafirma o seu papel como motor de apoio á iniciativa social, promovendo que as entidades conten cos recursos necesarios para desenvolver programas de intervención continuada e de sensibilización que cheguen aos colectivos máis vulnerables da provincia.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Hai un mes, o presidente da Deputación, Luis Menor, anunciaba no “Concerto 8M” a decisión de incrementar en máis dun 70% os fondos provinciais destinados á convocatoria de proxectos sociais. Esta semana, coa publicación da Convocatoria 2026, cúmprese o anunciado no acto organizado con motivo do Día Mundial da Muller pola Área de Benestar da Deputación de Ourense.
A convocatoria de 2026 non ten precedentes polo seu importe, xa que supón un incremento de máis do 70% respecto aos fondos provinciais do ano anterior, acadando os 600.000 euros, a maior contía histórica destinada ás convocatorias anuais en réxime de concorrencia competitiva para o terceiro sector.
O obxectivo é financiar proxectos do terceiro sector que melloren a saúde, a calidade de vida e a prevención da vulnerabilidade social en toda a provincia ao longo do exercicio 2026.
Este reforzo financeiro busca consolidar o labor das asociacións, que constitúen un recurso esencial para incrementar o benestar e a participación social no territorio. A convocatoria de 2026 apoia os excelentes resultados do ano anterior, no que se cofinanciaron máis de medio cento de entidades e iniciativas sociais.
Innovación na estrutura da convocatoria
Como principal novidade, a convocatoria estrutúrase en tres liñas diferenciadas, adaptadas ás distintas realidades do terceiro sector, co obxectivo de facilitar unha mellor valoración de proxectos de natureza similar.
A Liña de Inclusión e Emerxencia cofinanciará proxectos ata 40.000 euros destinados ao mantemento de prazas residenciais para persoas con adiccións ou en risco de exclusión severa, así como á cobertura de necesidades básicas de primeiro nivel.
Na Liña de Cronicidade e Vulnerabilidade destinaranse ata 30.000 euros por iniciativa para apoiar a colectivos afectados por enfermidades crónicas —de máis de seis meses de duración— e a familias con redes de apoio social debilitadas.
Por último, a Liña de Sensibilización e Educación contará con ata 20.000 euros por proxecto, dirixidos a actividades de visibilización, formación, fomento da tolerancia e accións sociais de diversa natureza, quedando excluídas aquelas de carácter meramente lúdico, recreativo ou institucional que non conten cun contido técnico ou formativo acreditado.
Requisitos e criterios de valoración
Poderán ser beneficiarias da convocatoria as asociacións e fundacións con domicilio social ou centro de actividade na provincia de Ourense. Será requisito indispensable estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia antes de que remate o prazo de solicitude.
A concesión realizarase mediante un procedemento de concorrencia competitiva. Unha comisión de valoración puntuará os proxectos sobre un máximo de 100 puntos, sendo necesario acadar polo menos 45 puntos para optar ás axudas. Avaliaranse aspectos como a calidade técnica —con obxectivos medibles e metodoloxía definida—, a traxectoria da entidade, o impacto territorial e a coordinación con servizos públicos como o SERGAS ou os servizos municipais.
Desde hoxe xa se poden presentar os proxectos a través da sede electrónica: https://soleell.depourense.es/gl/index
.
















