A dinamización da aldea de Muimenta (Carballeda de Avia ) gaña o Premio “La Casa de la Arquitectura na categoría de Acción Pública”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O recoñecemento outorgado polo MIVAU distingue a estratexia deseñada pola Fundación RIA que utiliza a arquitectura, a planificación e a colaboración institucional como ferramentas para a revitalización rural.

8 de maio de 2026 — A estratexia de dinamización da aldea de Muimenta foi recoñecida co Premio de La Casa de la Arquitectura 2026 na categoría de Acción Pública, concedido ex aequo xunto ao proxecto Donde cantan las acequias. Os galardóns, convocados polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana, recoñecen obras e iniciativas que destacan pola súa contribución á calidade arquitectónica e pola capacidade da arquitectura para responder aos retos sociais, culturais e territoriais contemporáneos.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O premio distingue un proceso iniciado en 2020 en Muimenta, no concello de Carballeda de Avia, que aúna planificación estratéxica, participación veciñal, rehabilitación arquitectónica, recuperación de espazos públicos e novas políticas para o rural. Impulsado polo Concello de Carballeda de Avia e a Fundación RIA no marco das Aldeas Modelo da Xunta de Galicia, o proxecto formula unha resposta integral a desafíos como o despoboamento, o abandono da terra, a prevención de incendios e a necesidade de xerar novas oportunidades de vida e actividade económica nas aldeas.

Unha experiencia replicable

A vaga de lumes de 2017 marcou un punto de inflexión, evidenciando a necesidade de activar novas estratexias de coidado do territorio, recuperación produtiva e fixación de poboación. Nese contexto naceron as Aldeas Modelo, unha estratexia da Xunta de Galicia orientada á recuperación de terras agrarias abandonadas, á prevención de incendios e á dinamización dos núcleos rurais. Ese mesmo ano, Muimenta tamén se viu afectada por un gran incendio forestal, o que activou o compromiso do Concello e da veciñanza.

Muimenta foi declarada Aldea Modelo en 2019, converténdose nun dos primeiros núcleos nos que ensaiar unha resposta integrada a estes retos desde a planificación, a recuperación produtiva e a mellora da contorna habitada. A partir de 2020, a Fundación RIA iniciou a redacción dun Plan de dinamización baseado na análise territorial, o traballo coa veciñanza e a coordinación entre administracións e axentes locais. Este traballo combinou unha diagnose territorial co impulso de actuacións concretas, orientadas a mellorar a vivenda, o espazo público, os equipamentos, a mobilidade e a activación comunitaria.

Ao longo do proceso, distintas entidades e institucións fóronse sumando á estratexia, contribuíndo ao seu desenvolvemento desde ámbitos complementarios. A participación do Concello de Carballeda de Avia, da Xunta de Galicia, da Fundación RIA, da Fundación MOP, do COAG, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e doutros axentes locais e técnicos permitiu articular un marco de colaboración capaz de transformar unha planificación inicial nun conxunto de actuacións concretas.

O recoñecemento na categoría de Acción Pública subliña precisamente esta dimensión institucional: as intervencións desenvolvidas en Muimenta foron posibles grazas ao impulso das administracións públicas, á coordinación entre distintos niveis de goberno e á colaboración con entidades e equipos técnicos. O proxecto mostra como a acción

pública pode activar recursos existentes, orientar investimentos e facer da arquitectura unha ferramenta ao servizo do benestar colectivo.

Participación e planificación orientada á acción

Nos últimos anos, esta estratexia materializouse nunha rede de intervencións complementarias que, xunto a unha programación de actividades e colaboracións académicas, foi activando progresivamente a vida comunitaria da aldea. A reformada praza da Festa recuperou un espazo central para a veciñanza, e o impulso dunha cociña comunitaria con comedor asociado permitiu crear un equipamento vinculado aos coidados, á atención de persoas maiores e ao encontro arredor dos produtos locais, ao tempo que ofrece un espazo para actividades formativas e iniciativas comunitarias.

Pola súa banda, a rehabilitación dunha vivenda para aloxamento público, proxectada por PLP Atelier e recoñecida nos Premios Gran de Area 2025 do COAG, explora a recuperación de edificacións baleiras para acoller estadías temporais, facilitando que novos habitantes ou proxectos vinculados ao territorio poidan atopar un lugar desde o que achegarse, permanecer e participar na vida da aldea.

O novo centro social de Muimenta, foi desenvolvido a partir dun concurso promovido polo Concello de Carballeda de Avia, coordinado pola Fundación RIA, co apoio da Fundación MOP e o soporte administrativo do COAG. O proxecto, obra de Daniel Gómez Magide e Miguel Ángel Díaz González, transforma unha antiga edificación en ruína afectada polo incendio nun equipamento flexible para a vida comunitaria e para usos vinculados ao traballo compartido, o emprendemento e a produción local, e está seleccionado para o Premio Arquitectura do CSCAE 2026.

Actualmente, a estratexia continúa en marcha co obxectivo de consolidar as actuacións realizadas e dotar de contido aos equipamentos existentes, atraer novos perfís profesionais e ensaiar formas contemporáneas de habitar e traballar no rural. Xunto ás actuacións físicas, o proceso inclúe accións de dinamización social, cultural e académica, reforzando o vínculo entre comunidade, institucións e territorio.

Este recoñecemento pon en valor a capacidade da arquitectura para actuar como ferramenta de mediación, coordinación e transformación territorial. Muimenta demostra que a revitalización rural require procesos sostidos no tempo, capaces de integrar políticas públicas, recursos existentes, coñecemento técnico e participación comunitaria.

Sobre Fundación RIA

Fundación RIA é unha axencia independente sen ánimo de lucro, un thinktank que contribúe á investigación, a análise e a planificación territorial estratéxica de Galicia, co obxectivo de preservar os seus valores naturais e culturais e promover a súa calidade de vida.

RIA céntrase no desenvolvemento de estudos interdisciplinares, proxectos piloto e planificación territorial estratéxica, conectando os retos globais con contextos específicos. O seu traballo baséase nunha estreita colaboración coas comunidades locais, as administracións, os sectores económicos e as institucións académicas da rexión, integrando coñecementos internacionais e locais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------