Un sentimento de profunda indignación percorre estes días as rúas de Xendive, no concello de Boborás. Os veciños están a asistir atónitos ao que consideran un auténtico atentado contra o seu patrimonio natural: a talla inxustificada dunha parte da súa emblemática carballeira, unha carballeira que formou parte da identidade do pobo desde que os máis maiores teñen uso de razón.
A contorna afectada destaca polo seu alto valor paisaxístico. Para calquera que acceda a Xendive pola estrada de entrada, este bosque non só constituía un corredor verde, senón tamén un refuxio climático. Os veciños lembran con impotencia como o frescor e a sombra destes carballos convertíanse no mellor aliado do pobo cando chegan a calor do verán.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A gravidade da situación vai máis aló da perda estética. Nunha zona historicamente castigada polos incendios forestais, a carballeira exercía unha función vital de seguridade. O bosque funcionaba como un auténtico “escudo protector” fronte aos lumes que, ano tras ano, ameazan a comarca. Ao eliminar esta barreira natural, o pobo queda agora moito máis vulnerable ante a tempada de alto risco que se aveciña. Os veciños temen que a talla continue sen deixar rastro da carballeira.
Un panorama preocupante e que foi posto en coñecemento do propio Concello de Boborás por medio da súa alcaldesa, Patricia Torres. A rexedora interesouse por esta situación e suliñou que “me puxen en contacto con Medio Ambiente, onde confirmaron que a tala estaba autorizada, e co Bispado de Ourense, titular dos terreos e que comentaron que as árbores estaban destinadas á venda”.
Patricia Torres lamentou que se leven a cabo estes traballos forestais “nunha paraxe que é moi bela e acolledora, unha das riquezas paisaxísticas e naturais que posúe a parroquia de Xendive”. Por iste motivo, plantexou ante o Bispado a posibilidade de reducir na medida do posible esta actuación sobre o conxunto da carballeira, a fin de podela preservar cara o futuro.

















