San Cristovo de Cea acollerá unha planta de recollida de residuos da construción no seu polígono industrial

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para a creación dunha planta de valorización e almacenamento de residuos do sector da construción e demolición (RCD) para a obtención de áridos no concello de San Cristovo de Cea.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos significativos na contorna derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de 10 organismos interesados.

Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certas condicións establecidas nos seus respectivos informes sobre aspectos relacionados coa protección da atmosfera, a poboación e a saúde; das augas e leitos fluviais; a xestión de residuos; e a integración paisaxística, entre outras cuestións.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e nos próximos días daráselle publicidade mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería.

O proxecto autorizado consistirá na instalación no polígono industrial de San Cristovo de Cea dunha planta de residuos non perigosos procedentes de actividades de construción e demolición para a obtención de áridos reciclados como produto final. Promovida por ALMYEX, SL, a actuación prevé a construción dunha soleira impermeable de 2.000 m2 sobre a que se asentará a planta ao aire libre e ademais, sobre unha base de formigón duns 17,08 m2 instalarase unha caseta prefabricada con capacidade para dúas oficinas e un aseo.

Durante a fase de explotación procederase a almacenar e valorizar os residuos de construción e demolición que se reciban, estimando unha capacidade máxima de almacenamento puntual de 1.260 toneladas e unha capacidade total máxima de xestión de residuos de 30.000 t/ano.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------