O Concello de Ribadavia informa da posta en marcha do servizo voluntario de xestión de biomasa e retirada de especies arbóreas nas faixas secundarias de protección da parroquia de Santo André de Campo Redondo, considerada oficialmente como Parroquia Priorizada.
Este servizo será prestado por SEAGA e permitirá ás persoas titulares das parcelas adherirse a contratos de xestión para facilitar as tarefas de limpeza e prevención de incendios forestais nas franxas de protección de 50 metros arredor das vivendas e núcleos habitados.
A tarifa establecida para o servizo é de 420 euros por hectárea. As persoas interesadas en formalizar o contrato deberán acudir ás oficinas municipais os martes e mércores, en horario de 10,00 a 14,00 horas, achegando a seguinte documentación: o DNI da persoa titular e a referencia catastral da finca ou indicación do polígono e parcela. Desde o Concello recoméndase solicitar cita previa chamando ao teléfono 988 477 100 para unha mellor organización da atención.
Con esta iniciativa, o Concello de Ribadavia continúa reforzando as medidas de prevención fronte aos incendios forestais e promovendo a seguridade da veciñanza e a conservación do territorio.
















