O Concello de Boborás vén de publicar a licitación das obras de construción dunha cubrición para o parque infantil do Punto de Atención á Infancia de Boborás, situado no recinto compartido co CEIP Nosa Señora de Xuvencos.
A actuación conta cun orzamento de 93.823,88 euros, IVE incluído, e está financiada ao abeiro do convenio asinado entre o Concello de Boborás e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, con cargo ao Fondo de Cohesión e Transformación Territorial.
O obxectivo principal desta intervención é mellorar a funcionalidade do espazo exterior do PAI, permitindo un maior aproveitamento do parque infantil ao longo do ano, especialmente nos días de choiva ou de climatoloxía adversa.
Así mesmo, ao tratarse dun parque situado nun recinto compartido entre o Punto de Atención á Infancia e o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, a mellora redundará positivamente en ambos centros, especialmente nos nenos e nenas de infantil e dos primeiros cursos de primaria, que poderán dispoñer dun espazo exterior máis útil, seguro e confortable.

O proxecto prevé a instalación dunha cuberta sobre o actual parque infantil, garantindo protección superior e lateral, así como a mellora do acceso dende o edificio do PAI, para que os nenos e nenas poidan saír ao exterior con maior comodidade e seguridade.
A cubrición proxectada resolverase mediante unha estrutura metálica e paneis translúcidos de policarbonato, combinando protección, luminosidade e integración co colorido característico do centro educativo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O prazo para presentar ofertas permanecerá aberto ata o 19 de xuño ás 23:59 horas.
Dende o Concello de Boborás seguimos avanzando na mellora dos servizos públicos municipais e, neste caso, nunha actuación especialmente importante para a infancia, a conciliación das familias e a calidade dos equipamentos educativos e sociais do noso concello.
Boborás, 6 de xuño de 2026









