A Consellería do Medio Rural informa de que se vén de desactivar a Situación 2 no incendio forestal do concello de Boborás, que afecta fundamentalmente ás parroquias de Moreiras e Feás. Esta situación operativa de emerxencia foi declarada na tarde de onte, domingo, pola proximidade do lume ás vivendas do núcleo de Vecoña de Arriba, pertencente a Moreiras.
Este lume aínda se mantén activo e iniciouse ás 21,55 horas do pasado sábado día 13 debido, según algunhas fontes, á caída un raio durante unha treboada. Segundo as últimas estimacións provisionais afecta a unha superficie de preto de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 4 técnicos, 25 axentes, 51 brigadas, 31 motobombas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 pas, 6 helicópteros e 10 avións.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.









