A Consellería do Medio Rural vén de informar da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 8,30 horas de hoxe, subliñando que o lume que afecta ás parroquias de Moreiras e Feás, no municipio de Boborás, quedou estabilizado ás 21,24 horas de onte. Tamén se lembra que neste incendio foi desactivada na tarde de onte a ‘Situación 2’ de prevención de emerxencias declarada o domingo, día 14, pola proximidade das lapas ao núcleo de Vecoña de Arriba.
Este lume detectárase ás 21,55 horas do sábado día 13, e segundo as últimas estimacións afecta a unha superficie de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 5 técnicos, 28 axentes, 53 brigadas, 35 motobombas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 pas, 6 helicópteros e 10 avións.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Na provincia da Coruña, permanece estabilizado, desde as 10,56 horas de onte, o lume rexistrado no concello de Padrón, parroquia de Herbón, no que tamén se desactivou a ‘Situación 2’ que fora declarada o pasado sábado, día 13, pola proximidade do incendio aos núcleos de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas. O incendio iniciouse ás 16,01 horas do venres, día 12, e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 350 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 técnicos, 78 axentes, 112 brigadas, 80 motobombas, 5 pas, 9 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.
E, na provincia de Lugo, tamén quedou estabilizado ás 23,48 horas de onte o incendio do concello de Xermade, parroquia de Roupar, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 35 hectáreas. O lume iniciouse ás 14,51 horas de onte e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.









