A ‘Andaina Solidaria da Festa do Pan de Cea’ colabora coa Asociación Española contra o Cancro de Ourense

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación Española Contra o Cancro en Ourense participou na presentación oficial da Andaina Solidaria da Festa do Pan de Cea, unha iniciativa que combina deporte, saúde e solidariedade, e que se celebrará o vindeiro domingo, 28 de xuño, neste municipio a beneficio da entidade. O acto tivo lugar na Casa do Concello de Cea e contou coa presenza do alcalde, José Luis Valladares; o presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea, Juan Luis Calviño, e da xerente da Asociación, Judit Vega, quen mostrou o apoio da entidade a esta actividade solidaria que contribúe á promoción de hábitos de vida saudables e á concienciación social na loita contra o cancro.

A andaina contará con dous percorridos adaptados a diferentes niveis: un percorrido longo de 22 quilómetros, con saída ás 9,00 horas e un percorrido curto de 11 quilómetros, con saída ás 10,00 horas. Ambas saídas realizaranse dende a Praza Maior de Cea.

A participación nesta iniciativa solidaria implica unha inscrición de 10 euros, que deberá ser ingresado na conta indicada pola organización ES49 2080 5291 3930 4003 5738. Para formalizar a inscrición, as persoas interesadas deberán enviar o xustificante de pagamento a través do WhatsApp ao número 672 122 300 ou ao correo electrónico andaina@concellodecea.com.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 25 de xuño. Ademais, a recollida de dorsais realizarase media hora antes da saída e todas as persoas participantes recibirán un agasallo conmemorativo.

Dende a entidade quérese destacar a importancia de iniciativas coma esta, que fomentan a implicación da cidadanía e contribúen a avanzar no obxectivo común de loitar contra o cancro a través da prevención, a investigación e o apoio ás persoas pacientes e ás súas familias.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------