Un investimento de 400.000 euros de Infraestruturas mellorou a seguridade viaria na ponte da Esperela de Leiro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Galicia destaca o investimento de 400.000 euros para poñer en valor a Ponte Esperela, no concello ourensán de Leiro, e mellorar a súa seguridade con nova regulación semafórica intelixente. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe esta última actuación de mellora da seguridade viaria na ponte.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Allegue comprobou esta nova instalación, con dous semáforos intelixentes, un en cada extremo desta ponte que cruza a estrada autonómica OU-209, que regulan o paso alternativo dos vehículos, priorizando a circulación desde a intersección coa OU-504. Estes indicadores funcionan con intelixencia artificial e están conectados coa rede existente de iluminación executada pola Xunta nesta Ponte Esperela.

Os semáforos están dotados de sensores de detección para adaptar automaticamente o seu funcionamento segundo a presenza de vehículos. Ademais, incorporan tamén, como subliñou a conselleira, un sistema de aforo con cámaras para contabilizar vehículos e peóns e mellorar así o seguimento da mobilidade.

“Obtemos información sobre a intensidade do tráfico e axudaranos tamén a planificar futuras actuacións”, indicou, tras sinalar que este sistema contabiliza que cada xornada cruzan a ponte máis de 1.800 vehículos.

A actuación completouse coa mellora da sinalización horizontal e vertical na citada estrada OU-209.

Allegue destacou as distintas actuacións levadas a cabo tanto para mellorar a estética da ponte, dotándoa de iluminación ornamental, como para incrementar a súa funcionalidade e seguridade.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------