A localidade de Leiro bateu dous récords este pasado domingo. Un deles, xa coñecido en toda Galicia e o resto do Estado: o da temperatura máis elevada. O outro, o de participación na súa XLII Carreira Popular. Tanto un coma outro supuñan un doble desafío para a organización desta competición de atletismo que é a segunda máis antiga no calendario da provincia, tan só por detrás da Carreira do San Martiño da cidade.
Pero os organizadores, co Concello de Leiro á cabeza cun excelente traballo de coordinación a cargo do seu concelleiro de Deportes, Luis Iglesias, e o apoio de voluntarios e voluntarias do Club Atletismo Arenteiro do Carballiño, souberon anticiparse e adiantar os horarios das diferentes probas, de xeito que a carreira absoluta, sobre 10.000 metros de percorrido, e a de 5.000, saíron puntualmente ás 10,00 horas, mnetres as de categorías xuvenís, infantís e pitufos tamén viron modificados os seus horarios en 15 minutos sobre o previsto inicialmente.
Todo elo, para evitar o excesivo calor, que se achegou aos 40ºC xa ao mediodía, que as árbores da paraxe natural de O Salgueiral axudaron a soportar en gran medida no mesmo epicentro da liña de saída e meta da carreira, ao carón do río Avia. Auga, refrescos e froitas tamén contribuíron a paliar o desgaste dos corredores unha vez rematado o seu percorrido.
O propio alcalde de Leiro, Francisco José Fernández; o delegado territorial, Manuel Pardo, e o xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez, foron os encargados de dar o pistoletazo de saída ás diferentes probas, nas que tomaron parte un total de 669 atletas, unha cifra superior á de edicións pasadas.
En canto aos resultados, na proba raíña dos 10 km o podio quedou configurado por Amadeo Abal Chaves, cun tempo de 30’37”, seguido de Hugo García Souto, 32’21”, e de Alejandro Fernández Rivera, 32’43”, triunfador o ano pasado, mentres Itziar Manso Heras convertíase na primeira fémina en atravesar a liña de meta na 17ª posición e cun tempo de 38’08”.
Álvaro Soto era o primeiro nos 5 km con 17’16”, acompañándoo no podio Girum Álvarez, con 17’24” e Alberto Pardo, 17’27”, sendo Cristina Pampín Álvarez a primeira muller, con 22’27”. Así Soto Des facíase tamén co triunfo en sub18 en homes, mentres Martina López López gañaba na mesma categoría en mulleres cun tempo de 24’51”.
Na proba de 2 km para os atletas sub16/sub14, Lucas Costas de Francisco gañaba con 7’24” en homes, e Carla Suárez, con 8’29” en mulleres, e na de sub12/sub10, sobre 1,2 km, os triunfos respectivos foron para Adrián Rodríguez, con 4’48”, e María Costas de Francisco, con 5’32”.
A continuación desputábase a competición correspondente á categoría prebenxamín, sobre 700 metros, que lideraron Lois Collado, cun tempo de 3’29”, e Sofía Conejero, que finalizaba en 4’11”, e a de pitufos, rematando coa carreira de pitufos, que sobre 250 metros gañaban Álex Dabarca e Valeria Flores, con 19” e 20”, respectivamente.

A xornada de convivencia e confraternidade entre atletas de diferentes clubes e localidades de Galicia e da veciña Portugal finalizaba no Salgueiral co sorteo de diferentes produtos de calidade entre os participantes e a cerimonia de entrega de medallas, trofeos e agasallos aos primeiros clasificados, entre eles o Club Atletismo Arenteiro do Carballiño, triunfador absoluto por equipos nesta edición.









