O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou hoxe un novo plan para a construción de 24 residencias xeriátricas públicas que proporcionarán unha cobertura de 1.800 prazas en toda Galicia. O programa porase en marcha a partir do vindeiro mes de setembro e dará continuidade ao iniciado hai catro anos, e que supuxo un investimento de 18,5 millóns de euros para a creación dun total de 24 centros públicos residenciais para maiores de 700 prazas, dos que 16 foron edificados na provincia de Ourense cun orzamento de 12 millóns de euros, tal e como lembrou o presidente da Deputación, Luis Menor.
Rueda realizou este anuncio na súa visita ao municipio de Piñor, onde o alcalde, José Luis González, puxo en valor e agradeceu á Xunta e Deputación a construción da residencia xeriátrica de 41 prazas que se está a levar a cabo no seu concello “e que xa se atopa na súa recta final para ser inaugurada”. A conselleira de Política Social, Fabiola García, o xerente do Consorcio Galego de Benestar, Perfecto Rodriguez, e alcaldes doutros municipios e veciños do mesmo Piñor acompañaron ao presidente da Xunta nun acto institucional.
O titular do Goberno autonómico fixo referencia a ampliación da cobertura que a Xunta proporciona a 40.000 persoas dependentes, “que queremos que sexan 50.000 no prazo de dous anos”, e tamén ás 150 casas do maior que están repartidas por toda Galicia”.
Alfonso Rueda aludiu as palabras pronunciadas por Luis Menor: “Galicia Calidade non só son os nosos produtos, senón tamén a calidade dos nosos servizos”.








