O Psdeg-Psoe de Leiro advirte que a nova regulación da ponte esperela mantén o risco vial que os propios técnicos recoñecen

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

• Os socialistas cualifican de “inaceptable” a falta de autocrítica do Alcalde e critican a opacidade da visita da Consellería de Vivenda e Infraestruturas, realizada sen previa notificación ao grupo da oposición.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

• Denuncian que a obra de 400.000 € obriga aos condutores de Leiro, San Clodio, Carballiño e Ribadavia a deterse en pleno carril da estrada xeral OU-504 nun punto de complexa visibilidade.

• Lembran que a Xunta de Galicia segue sen responder ás preguntas parlamentarias presentadas pola deputada Carmen Dacosta sobre esta polémica actuación.

Leiro, 2 de xullo de 2026. O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Leiro, a través dos seus concelleiros Pedro José González e Manuel Rodríguez, lamentou a “total opacidade institucional” coa que a Consellería de Vivenda e Infraestruturas e o Goberno local realizaron hoxe a visita oficial ás obras da Ponte Esperela. Para os socialistas, o feito de realizar este acto sen notificar á oposición demostra “un intento de evitar o debate público sobre as evidentes carencias técnicas do proxecto”.

1. O perigo técnico, confirmado nas declaracións

O PSdeG-PSOE sinala que, fronte ás afirmacións do Alcalde asegurando que “non hai queixas”, a propia realidade técnica desminte o optimismo do rexidor. “No propio vídeo oficial da visita faise alusión expresa á complexidade e á perigosidade deste cruzamento debido á falta de visibilidade, tanto na entrada como na saída cara a Carballiño e Ribadavia. É incomprensible que o Alcalde presuma dun éxito rotundo cando o deseño da obra segue a xerar serias dúbidas de seguridade”, explican González e Rodríguez.

2. Un risco que afecta a todo o Concello e aos usuarios da OU-504

Os concelleiros socialistas aclaran que este problema non afecta en exclusiva aos veciños de San Clodio, senón a todos os residentes do Concello de Leiro e aos centos de condutores que transitan a diario pola estrada xeral. “A actual regulación semafórica sensorizada obriga aos vehículos a deterse en medio da calzada principal para agardar o paso, convertendo o acceso nun punto de alto risco de alcances graves”. Como proba de que o carril de espera é insuficiente, o PSdeG lembra que se mantén instalada a sinalización vertical de P-31 (Perigo por conxestión de tráfico). “Se a seguridade estivese garantida, ese sinal xa non sería necesario”, apuntan.

3. Bloqueo institucional no Parlamento Galego

Dende o Grupo Municipal denuncian ademais o “dobre rasero” do Partido Popular nas institucións. “Mentres veñen a Leiro de présa a facerse a foto oficial, a Consellería mantén en silencio e sen contestar tanto as reclamacións deste Grupo Municipal coma as preguntas oficiais formuladas pola nosa deputada autonómica, Carmen Dacosta, no Parlamento de Galicia. Esiximos transparencia e respostas por escrito, non actos propagandísticos de costas á veciñanza”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


4. Un gasto de 400.000 euros centrado na estética

A formación lembra que a maior parte do investimento (360.000 euros) destinouse a unha iluminación de carácter ornamental que mantivo a ponte pechada durante un verán enteiro, afectando á mobilidade e ao comercio local, e que agora xera queixas por deslumbramentos nocturnos.

O PSdeG-PSOE de Leiro conclúe anunciando que continuará esixindo unha auditoría de seguridade vial urxente e independente que avalíe o cruzamento. “Os veciños de Leiro e os usuarios desta estrada merecen unha infraestrutura con todas as garantías técnicas e un goberno que escoite a realidade do pobo”, rematan os concelleiros socialistas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------