O Concello do Irixo aproba o orzamento máis elevado dos últimos anos, de preto de 2 millóns de euros

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Pleno do Concello do Irixo aprobou, cos votos favorables do grupo de goberno e coa abstención da oposición, o orzamento municipal para 2026, o máis elevado dos últimos anos. As contas ascenden exactamente a 1.716.488,40 euros, o que permitirá garantir os servizos municipais e continuar desenvolvendo novos proxectos e actuacións no conxunto do municipio, según apuntan dende o equipo gobernante que lidera a alcaldesa, Rosa María Dalama.

Este orzamento destina xa máis de medio millón de euros a investimentos, concretamente 519.606,12 euros, “para actuacións de mellora en camiños, vías e espazos públicos, así como proxectos de eficiencia enerxética, abastecemento, depuración e protección ambiental”. Entre os principais investimentos figura a construción da nova nave-almacén municipal, que permitirá conservar a maquinaria, almacenar materiais e ferramentas e mellorar tanto a autonomía dos servizos municipais como as condicións de traballo do persoal.

O orzamento incorpora tamén “os recursos necesarios para manter os servizos que o Concello presta cada día, apoiar a actividade cultural e deportiva, colaborar co tecido asociativo e atender as necesidades ordinarias do municipio”. Unha parte moi importante dos investimentos será posible grazas ao finanzamento conquerido doutras administracións, “froito do traballo de planificación, solicitude e tramitación realizado polo Concello”, según subliñan dende o grupo de goberno.

Asemade, lembran que “a aprobación destas contas é tamén resultado do diálogo, da coordinación e do bó entendemento entre as persoas que integran o grupo de goberno”, que permitiron alcanzar un acordo sobre as prioridades do municipio e dotar ao Irixo dun orzamento para continuar avanzando.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------