A Xunta vén de resolver a convocatoria da liña de apoio a infraestruturas municipais de carácter estratéxico correspondente a 2026, na que resultaron beneficiarias seis propostas presentadas por concellos da provincia de Ourense. Trátase de Boborás, A Bola, O Carballiño, Laza, O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia, que recibirán achegas que suman máis de 1,7 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) específico para estes investimentos.
Así, Boborás recibirá 500.000 euros para a rehabilitación integral e modernización do pavillón municipal como infraestrutura deportiva estratéxica de referencia municipal e supramunicipal, presupostada en case 1,2 millóns de euros, mentres O Carballiño disporá dunha achega de case 245.000 euros para a mellora e ampliación das instalacións deportivas da Uceira, que conta cun orzamento global de preto de 490.000 euros. A Bola fará un novo campo de fútbol municipal de herba artificial e melloras adicionais de impacto supramunicipal cunha achega de 200.000 euros, dun orzamento de 400.000.
O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia centraron as propostas tamén en infraestruturas deportivas, coa rehabilitación de pavillón deportivo municipal e actuacións no complexo deportivo A Moreira, respectivamente. Os correspondentes importes das obras ascenden a preto de 614.000 euros, cunha achega autonómica de case 307.000 euros, e a máis de 501.000 euros, a metade deles, máis de 250.000, financiados no marco da liña de apoio a infraestruturas municipais. Pola súa banda, Laza aposta pola creación da base para o GES, para a que recibirá máis de 249.000 euros dun presuposto de case 499.000.
Orzamento de 10M€ para 26 proxectos en Galicia
A través desta liña de apoio ás administracións locais, o Goberno galego impulsa iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos. A relevancia da iniciativa levou este ano a incrementar a contía ata os 10 millóns de euros, fronte aos máis de oito de cada unha das anteriores convocatorias, correspondentes aos anos 2024 e 2025. A Xunta consolida así este instrumento activado hai dous anos e fundamental para o eido local.
No conxunto de Galicia, a cifra de proxectos beneficiarios ascende a 26. Xunto aos seis que se sitúan en Ourense, hai 10 na Coruña, cinco en Lugo e outros cinco en Pontevedra. En canto ás tipoloxías, as infraestruturas deportivas foron as principais beneficiadas en todo o territorio, con 17 propostas financiadas e un investimento conxunto de 6,3 millóns de euros.
Cada proxecto estratéxico para o que se solicita apoio debe ter un orzamento mínimo de 400.000 euros e a Xunta financia un importe máximo por cada un deles do 50% do orzamento ou do custo final cun límite máximo de 500.000 euros.
As iniciativas apoiadas a través destas achegas son fundamentais para a mellora dos servizos e para garantir un desenvolvemento territorial equilibrado, sostible e cohesionado cunha repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal. Tamén teñen esta consideración os investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito supramunicipal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial.
Ademais, inclúense como estratéxicos os proxectos de investimento para a conexión, a reorganización, o agrupamento ou a centralización de edificios destinados á prestación de servizos municipais que teñan como finalidade a mellora do funcionamento administrativo e do acceso á cidadanía á realización de distintos trámites, que funcionen como espazos de encontro e interacción social ou que actúen como eixos para un modelo sustentable de mobilidade urbana.
Apoio ás administracións locais
As axudas do Fondo de Cooperación Local (FCL) destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico enmárcase no compromiso do Goberno galego coas administracións locais, que contan con diferentes liñas de apoio cada ano para facilitar tanto a mellora de equipamento como de infraestruturas.
Entre elas figuran tamén o Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 11,4 millóns de euros e destinado a investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio; a orde de axudas para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, cun orzamento de 3,5 millóns de euros; e a nova liña activada este ano para facilitarlles aos concellos a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, cunha contía superior ao millón de euros. A elas súmase o Fondo de Cooperación Local, que segue subindo e chega a 187 millóns de euros, un 12% por riba de 2025.









