A Asociación Amigos da Terra de Montes celebrou este sábado en Beariz a súa Xuntanza Anual, nunha xornada que transcorreu cunha ampla participación e cun ambiente de convivencia, recoñecemento e compromiso coa cultura da comarca. O encontro contou coa presenza de dous deputados provinciais de Pontevedra, dos alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Beariz, así como de socios, familiares, veciñanza e persoas vinculadas a Terra de Montes.

A programación iniciou a xornada coa celebración da misa de acción de grazas e tamén en memoria dos socios falecidos e continuou coa Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación. Durante a sesión presentouse o balance de actividade e expuxéronse os proxectos que marcarán os próximos meses, entre eles a renovación da páxina web da entidade e a creación dun tradutor do Verbo dos Canteiros, que será presentado publicamente cando estea rematado.
A edición de 2026 estivo dedicada ao Verbo dos Canteiros, a fala tradicional dos mestres canteiros de Terra de Montes. A través da mesa técnica dedicada ao legado da pedra, púxose en valor esta expresión singular do patrimonio inmaterial galego e a relevancia histórica da cantería na identidade da comarca.
Un dos momentos máis emotivos da xornada foi o acto de entrega das Medallas de Honra da Asociación. As distincións recaeron en Roberto Rodríguez Vázquez, pola súa traxectoria deportiva e o seu exemplo de esforzo e superación; Lourdes Ovelleiro Garrido, pola súa carreira na xestión pública e o seu compromiso social; e Cándido Iglesias Sobrado, pola súa traxectoria empresarial e a súa contribución ao desenvolvemento económico da contorna.

A xornada incluíu tamén a ofrenda floral ao Verbo dos Canteiros que está personificado nunha escultura que representa un pergamiño de 3m de alto situado na rúa Manuel Vázquez Ogando no que se incribe un poema de Xesús Antonio Gulías Lamas; o xantar de confraternidade e actuacións de música tradicional, que pecharon unha celebración marcada pola amizade entre os tres concellos e pola vontade común de conservar, divulgar e proxectar cara ao futuro o patrimonio de Terra de Montes.
Desde a Asociación Amigos da Terra de Montes agradécese a asistencia das autoridades, dos homenaxeados e das súas familias, das persoas colaboradoras e de todos os socios e socias que fixeron posible unha nova edición da Xuntanza Anual.









