Cine Club Carballiño reanuda este vindeiro venres, día 25, a súa programación habitual dos venres e propón para setembro e outubro unha escolma de seis películas de diferentes nacionalidades, temáticas e xéneros.
Así, este venres comezan cunha película francesa que se converteu no último grande éxito do cinema do país veciño, La copia perfecta, con máis de un millón de espectadores. Trátase dun filme policíaco baseado en feitos reais ambientado no París, na posguerra e na vida de Jan Bojarski, un refuxiado polaco, coñecido no submundo coma o “Cézanne da falsificación”. Durante 15 anos mantivo unha dobre vida impecable: mentres a súa familia fai vida normal na casa, el fabrica nun alpendre billetes dunha precisión tal que logran burlar os controis do banco de Francia. Esa mestría convérteo na obsesión do comisario Mattei, iniciando unha cazaría humana que, para ambos, deixará de ser unha cuestión de lei para converterse nun duelo persoal.
Para o venres 2 de outubro, Cine Club proxectará outro gran éxito, Incontrolable, número un no seu páis, Gran Bretaña, durante varias semanas, unha comedia dramática baseada en feitos reais, chea de tenrura e con momentos realmente hilarantes. A historia de John Davidson, diagnosticado con síndrome de Tourette aos 15 anos e sinalado coma tolo polos seus compañeiros. John loitou contra unha condición que poucos coñecían. Xa de adulto, fixo campaña a favor de persoas que tiñan o seu mesmo problema. Un canto á vida a pesares das dificultades que conta con unha extraordinaria actuación no papel protagonista de Robert Aramayo, recoñecida con numeroso premios en festivais.
Continúan as sesións o día 9 con outro thriller policíaco francés, El caso 137, dirixido por Dominik Moll, un dos autores máis interesantes e recoñecidos do recente cinema francés e europeo. O venres 16 ofrecen a película palestina Palestina 36, un drama histórico ambientado nos anos 30. O día 23 proxéctase o filme Omaha, unha road movie norteamericana que trata o tema da familia e a paternidade e pechan o o mes, o día 30 con un filme tunecino, Prometido el cielo, un drama centrado na inmigración.
Os pases serán sempre que sexa posible ás 20,00 horas dobrado ao castelán e ás 22,30 horas en VOS, no Auditorio Manuel María do Carballiño.


















