O voluntariado forma parte esencial do día a día do CDR O Viso. A participación das persoas voluntarias achega compromiso, coñecementos, tempo e ilusión, contribuíndo a facer posible moitas das accións que desenvolvemos no territorio e fortalecendo as redes de apoio da nosa comunidade.
No CDR O Viso entendemos que o voluntariado tamén debe ser coidado, acompañado e recoñecido. Para desenvolver a súa labor con seguridade e autonomía é fundamental ofrecerlles espazos de formación, ferramentas e recursos que faciliten a súa participación e melloren a calidade do apoio que prestan.
Neste sentido, Ricardo e José Antonio están a participar na acción formativa “Xestión Básica de Almacén”, unha formación que lles permitirá adquirir coñecementos e habilidades para mellorar as tarefas relacionadas coa recepción, rexistro e organización dos alimentos que recibimos a través das doazóns.
O seu labor voluntario resulta fundamental para garantir unha correcta xestión destes recursos, facendo posible que os alimentos poidan ser organizados e distribuídos de maneira eficiente ás persoas e familias que os precisan. Un traballo moitas veces invisible, pero imprescindible, que require responsabilidade, coordinación e compromiso.
A formación e o acompañamento do voluntariado forman parte do compromiso do CDR O Viso por fortalecer a participación social e promover unha comunidade máis solidaria, activa e colaborativa. As persoas voluntarias non son só un apoio para a entidade, senón parte activa do seu proxecto e dos valores que defende.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Esta acción desenvólvese no marco do proxecto “Voluntariado: implícate na túa comunidade”, da Xunta de Galicia, unha iniciativa que aposta por fomentar a participación voluntaria, impulsar o compromiso social e crear espazos nos que as persoas poidan contribuír ao ben común.
Porque implicarse na comunidade é tamén construír futuro. No CDR O Viso agradecemos e poñemos en valor o compromiso de todas as persoas voluntarias que, co seu tempo e dedicación, axudan a facer unha comarca máis acolledora, solidaria e inclusiva.
O programa Voluntariado: Implícate na túa comunidade, é posible grazas ao financiamento da Consellería de cultura, lingua e xuventude da Xunta de Galicia, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF. (CT200A)

















