O delegado da Xunta e  a directora xeral de Persoas con Discapacidade asistiron á inauguración das ‘XIV Marchas Ciclistas Unificadas, Special Olympics’, na cidade de Ourense

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta pon en valor o deporte global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • Manuel Pardo reivindicou un deporte global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas; e recalcou que “a discapacidade sexa do tipo que sexa, debe facerse desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva”
  • Begoña Abeijón agradeceu aos participantes e organizadores o esforzo realizado en aras dunha extraordinaria oportunidade para que estes deportistas galegos con discapacidade desenvolvan as súas aptitudes físicas e demostren que son capaces de competir e de ensinarnos
  • Os representantes autonómicos lembraron que a Consellería de Política Social e Igualdade colabora estreitamente con esta entidade a través de diferentes convenios de colaboración, así como diferentes achegas para programas con cargo ao 0,7% do IRPF

Ourense, 02 de outubro de 2026.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu ao acto de inauguración das XIV Marchas Ciclistas Unificadas, Special Olympics Galicia no pavillón municipal dos Remedios na cidade Ourense, onde subliñou a importancia do deporte como vehículo para favorecer a autoestima, a capacidade de superación, as relacións sociais e a plena inclusión.

O delegado da Xunta reivindicou “un deporte global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas. Un deporte que non entenda de xénero, nin de idades, nin de condicións”. Así o  subliñou diante dos participantes a quen lles dixo, “sodes a viva representación de todos e cada un dos valores que agocha o deporte: sacrificio, resiliencia, esforzo, traballo, constancia, compañeirismo e sobre todo, inclusión”. Neste senso, recalcou que “a discapacidade sexa do tipo que sexa, debe facerse desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva”

Tamén destacou o papel que desenvolven as entidades sociais deste ámbito que son as grandes aliadas da Xunta e que co seu traballo e esforzo cada vez é máis fácil chegar a todas as familias que o precisan. Nesta liña, trasladou os parabéns de todo o Goberno galego a Special Olympics polos seus 26 anos de traballo facendo da nosa comunidade un referente do deporte adaptado e construíndo unha comunidade máis inclusiva e comprometida.

Neste marco, Manuel Pardo salientou o traballo permanente da Xunta pola inclusión das persoas con discapacidade. Nesta liña, recordou que a Consellería de Política Social e Igualdade colabora estreitamente con esta entidade a través de diferentes convenios de colaboración, así como diferentes achegas para programas con cargo ao 0,7% do IRPF, co fin de que a discapacidade, sexa do tipo que sexa, debe atenderse desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva.

Pola súa banda, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, agradeceu aos participantes e organizadores o esforzo realizado en aras dunha extraordinaria oportunidade para que estes deportistas galegos con discapacidade desenvolvan as súas aptitudes físicas e demostren que son capaces de competir e de ensinarnos, xa que, para a directora xeral,  “o deporte é unha das ferramentas máis potentes que ten a sociedade para acadar a integración plena des persoas con discapacidade intelectual”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Special Olympics

En Special Olympics ofrecen adestramento deportivo e competición atlética durante todo o ano a persoas con discapacidade intelectual en diferentes modalidades deportivas, co obxectivo de que desenvolvan aptitudes físicas, demostren valor, participen nun intercambio de dons, destrezas e compañeirismo coas súas familias, atletas Special Olympics e a sociedade en xeral. Teñen o convencemento que as persoas con discapacidade intelectual poden aprender, gozar e beneficiarse da participación en deportes individuais e de equipo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------