A conexión á fibra óptica xa está operativa no Irixo, poñendo fin a un problema que durante anos afectou á conectividade de numerosos veciños e que se agravou tras a execución das obras de canalización iniciadas por Avatel a finais do ano 2023. A infraestrutura, unha vez rematada, non chegara a entrar en funcionamento.
Ante a falta de respostas concretas e dunha solución definida, o Partido Popular do Irixo, liderado por Álvaro Penedo, decidiu dar un paso á fronte e buscar unha solución efectiva ao problema.
Nas conversas mantidas con Avatel, trasladouse que o principal impedimento para a posta en funcionamento da fibra era a falta de subministración eléctrica. A solución inicialmente prevista pasaba pola creación dunha nova liña eléctrica con Fenosa, unha actuación que podía demorarse considerablemente, ou pola conexión a unha liña dun particular.
Tras as xestións realizadas e o traballo conxunto entre o presidente local do Partido Popular e Avatel, finalmente a infraestrutura xa se atopa en funcionamento e operativa, dando cobertura a máis de 1000 vivendas. Deste xeito, os veciños poden comezar a contratar e utilizar a conexión de fibra óptica, que xa alcanza o 85% do total do municipio.
Álvaro Penedo destaca que “este resultado demostra a importancia de facer seguimento dos problemas, buscar interlocutores e traballar para atopar solucións, especialmente en cuestións tan importantes para o futuro do rural como o acceso a unha conexión de internet de calidade”.









