San Amaro, 5 de outubro de 2026. O Concello de San Amaro leva ao Pleno municipal unha nova Ordenanza reguladora da protección e conservación das vías públicas en relación coas operacións de corta, saca, depósito e transporte de madeira e do aproveitamento de subprodutos forestais. A iniciativa busca compatibilizar a actividade forestal coa conservación das infraestruturas públicas e establece que as empresas deberán responder dos danos que ocasionen durante os traballos.
A normativa responde á preocupación do Concello polo deterioro que poden sufrir determinadas vías como consecuencia do tránsito de maquinaria pesada e vehículos empregados nas explotacións forestais. San Amaro conta cunha ampla rede de camiños e vías municipais, polo que o goberno municipal considera necesario compatibilizar unha actividade económica importante para o rural coa conservación dun patrimonio público que pertence ao conxunto da veciñanza.
A nova ordenanza establece a obriga de comunicar previamente ao Concello as operacións de corta e saca de madeira afectadas pola regulación, identificando, entre outros aspectos, a empresa responsable, as parcelas, as toneladas previstas, os vehículos e maquinaria que se empregarán e os camiños e vías municipais polos que se realizará o transporte. A comunicación deberá efectuarse cun mínimo de 15 días hábiles de antelación.
Un dos elementos fundamentais da regulación será a posibilidade de que os servizos municipais comproben e documenten mediante fotografías o estado das vías antes do inicio dos traballos, permitindo determinar posteriormente a existencia de posibles danos derivados da actividade forestal.
Fianzas para garantir a reparación dos danos
A ordenanza establece tamén a constitución dunha fianza ou garantía económica, graduada en función das toneladas de madeira que se vaian extraer. A súa finalidade é garantir que, no caso de producirse danos nas vías municipais ou de non realizarse correctamente a limpeza, o Concello dispoña dun mecanismo para esixir a súa reparación. Para as empresas que realicen distintas cortas ao longo do ano tamén se contempla unha garantía anual de 6.000 euros.
Unha vez finalizados os traballos, a empresa deberá comunicalo ao Concello. A devolución da garantía estará condicionada a un informe favorable dos servizos técnicos municipais, que comprobarán que non existen danos e que as vías e espazos públicos utilizados se atopan en correcto estado de conservación e limpeza.
No caso de que se produzan desperfectos, a empresa responsable deberá proceder á súa reparación. Se non atende o requirimento municipal, o Concello poderá incautar a fianza e executar subsidiariamente os traballos, reclamando ademais ao responsable calquera cantidade que exceda da garantía depositada.
«Os danos nun camiño público non poden recaer sobre todos os veciños»
Desde a Alcaldía de San Amaro sinálase que o obxectivo da medida é establecer unhas regras claras que permitan desenvolver con normalidade a actividade forestal ao tempo que se protexen os bens municipais:
«Non queremos poñer trabas á actividade forestal, que é importante para o noso concello e para o noso rural. O que queremos é que exista responsabilidade. Se unha actividade privada utiliza os camiños e estradas municipais e provoca danos, eses danos non poden acabar sendo asumidos por todos os veciños de San Amaro.»
A normativa obriga igualmente a manter libres de restos as vías, cunetas, bueiros, pontes e demais infraestruturas, así como a realizar a limpeza dos espazos públicos afectados. A ordenanza establece expresamente que as pistas e camiños deberán quedar no mesmo estado de limpeza e conservación que presentaban antes dos traballos.
O texto incorpora ademais un réxime sancionador, con infraccións leves, graves e moi graves e multas que poden alcanzar os 3.000 euros. A eventual sanción non exime ao responsable da obriga de reparar os danos ocasionados nin de realizar os traballos de limpeza correspondentes.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Con esta nova ordenanza, o Concello de San Amaro busca contar cun instrumento que permita previr os danos antes de que se produzan, identificar aos responsables e garantir a reparación das vías municipais, evitando que o custo derivado dunha actividade particular teña que ser sufragado con recursos públicos.
Máis información: Concello de San Amaro.









