Ourense, 16 de outubro de 2026. Preto de 40 persoas participaron este venres nos talleres prácticos de reanimación cardiopulmonar (RCP) organizados polo Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense (COE Ourense) co gallo do Día Mundial da Parada Cardíaca.
A xornada, dirixida a primeiros intervinientes, permitiu entrenar a resposta ante unha parada cardiorrespiratoria (PCR) mediante exercicios con manequíns, desfibriladores e simuladores. A actividade foi impartida por instructoras e instructores da Escola de RCP do COE Ourense.
Profesionais da Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, Protección Civil e bombeiros practicaron como recoñecer unha parada cardiorrespiratoria e iniciar as manobras de reanimación mentres chegan os servizos de emerxencia. A formación estivo dirixida a profesionais que, polas características da súa actividade, poden encontrarse entre as primeiras persoas en intervir ante unha emerxencia.
A actuación de quen presencia unha parada cardiorrespiratoria pode resultar decisiva. Iniciar a RCP de forma inmediata pode duplicar ou mesmo triplicar as posibilidades de supervivencia, polo que recoñecer a situación, pedir axuda e comezar as manobras canto antes permite ofrecer á persoa afectada unha maior oportunidade de recuperación.
“Está demostrado que as probabilidades de sobrevivir a unha parada cardiorrespiratoria fóra do hospital duplícanse se se realizan de forma precoz manobras de reanimación, polo que é vital a actuación das testemuñas e primeiros intervinientes para ter esa oportunidade, e incrementar as posibilidades de recuperación sen secuelas ou coas mínimas secuelas”, aseguran integrantes da Escola de RCP.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Día Mundial da Parada Cardíaca
O Día Mundial da Parada Cardíaca celébrase cada 16 de outubro para aumentar o coñecemento da reanimación cardiopulmonar e promover a intervención da cidadanía antes da chegada dos equipos de emerxencia.
A xornada desenvolvida en Ourense súmase a este movemento internacional e ao traballo da Escola de RCP do COE Ourense para achegar a profesionais e cidadanía coñecementos que permiten responder con maior seguridade ante unha situación de risco vital.

















