O Museo de Estrella Galicia expón unha réplica do monoplaza Williams FW48 de Carlos Sainz

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Museo de Estrella Galicia (MEGA), situado na Coruña, incorpora ao seu recorrido expositivo unha réplica exacta do monoplaza Atlassian Williams F1 Team FW48, o coche co que Carlos Sainz disputa a tempada 2026 de Fórmula 1. O vehículo entrou este domingo no recinto museístico mediante unha delicada operación aérea que obrigou a desmontar as cristaleiras da fachada frontal do edificio.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A réplica, que se poderá visitar a partir desta mesma semana con calquera das entradas que dan acceso a MEGA (visita libre, visita guiada con tiraje, maridaxes ou experiencia de cata), intégrase na área dedicada aos patrocinios deportivos, unha das liñas estratégicas máis coidadas do museo. Estrella Galicia 0,0, cervexa oficial da escudería Williams, trae así a MEGA este novo atractivo vinculado á cultura do motor.

A directora do museo, Marta Rodríguez, destacou que esta incorporación reflicte o camiño percorrido xunto a Carlos Sainz ao longo dos anos, unha relación construída desde a cercanía, a confianza e valores compartidos como o inconformismo, o esforzo e a paixón por superar límites. O vínculo entre Estrella Galicia 0,0 e o piloto madrileño remóntase a 2013 e consolidouse ao longo da súa carreira na Fórmula 1, converténdose nunha das relacións de patrocinio máis recoñecibles e duradeiras do panorama deportivo español.

O Williams FW48, desenvolvido nas instalacións de Grove, incorpora unha unidade de potencia Mercedes e responde á nova regulamentación técnica da categoría, con coches máis compactos e estreitos e unha aerodinámica profundamente revisada. A súa decoración combina o característico azul brillante de Williams con superficies negras e brancas e detalles que evocan a historia do equipo.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Esta nova peza sucese a exposición temporal que MEGA dedicou recentemente a Carlos Sainz, embaixador de Estrella Galicia 0,0 desde hai máis dunha década, e que incluía obxectos representativos como o karting co que competiu de neno, cascos das súas carreiras máis importantes, trofeos, monos e equipamento real do piloto.

MEGA, o Museo de Estrella Galicia, é o primeiro e único recinto museístico de España dedicado á cultura cervexeira, onde o público pode tocar, oler, ver e sentir a cervexa a través de tours, catas, maridaxes, experiencias de tiraje e todo un universo interactivo. Os horarios de acceso e as entradas están dispoñibles na páxina web oficial www.mundoestrellagalicia.es.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------