Iago Tabarés reclama que os GES conten cos recursos humanos, materiais e tecnolóxicos necesarios para garantir unha atención eficaz ás emerxencias, especialmente nas comarcas do interior, onde a súa capacidade de resposta resulta determinante para a seguridade da veciñanza.
Ourense, 19 de outubro de 2026. Iago Tabarés, deputado do BNG, ven de rexistrar no Parlamento de Galiza dúas iniciativas para reclamar melloras no funcionamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e esclarecer as circunstancias da intervención no incendio rexistrado o pasado 17 de outubro nunha vivenda da Pobra de Trives, no que o lume arrasou un inmoble e chegou a estenderse á vivenda contigua.
A proposta dos nacionalistas demanda garantir o funcionamento efectivo e continuado de todos os GES, dotándoos de cadro de persoal e medios materiais e tecnolóxicos necesarios para desenvolver as funcións que teñen atribuídas.
A iniciativa reclama tamén o recoñecemento das condicións laborais e profesionais do persoal dos GES, en coherencia coas funcións que desempeña. Ademais, o deputado pregunta ao Goberno galego se considera que a integración e vinculación destes grupos cos Consorcios Provinciais contra Incendios e Salvamento podería mellorar o seu funcionamento e eficacia, e se ten previsto incrementar as achegas autonómicas e avanzar cara a un servizo público de extinción e salvamento con criterios comúns e condicións laborais homologadas.
A formación nacionalista sinala que o BNG e o propio colectivo profesional leva tempo denunciando carencias de persoal, vacantes sen cubrir, dificultades para manter os efectivos comprometidos e condicións laborais que favorecen a marcha de profesionais cara a outros servizos. A estas deficiencias súmanse, segundo sinalo Tabarés, “problemas de equipamento, quendas atendidas por un único efectivo, bases que non permanecen operativas durante a noite e gardas localizadas no domicilio en lugar de presenza física nas instalacións.”
O BNG advirte das informacións que apuntan a unha posible falta de efectivos e de medios dos servizos de emerxencias da comarca de Trives o día do sinistro, así como a unha demora na activación dos recursos dispoñibles. Por este motivo, Tabarés esixe que a Xunta explique como se xestionou a emerxencia, cando se mobilizaron os distintos servizos e en que momento chegaron ao lugar do sinistro.
O deputado nacionalista reclama información sobre a hora na que o 112 recibiu o aviso, os recursos mobilizados e os seus horarios de activación e chegada, así como sobre a actuación do GES de Castro Caldelas, o número de efectivos desprazados e o destino inicial que se lles asignou. Tamén pregunta se o dispositivo se dirixiu nalgún momento cara a Parada de Sil e que outros servizos interviñeron no operativo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O BNG tamén pregunta pola utilización de persoal dos GES en tarefas municipais alleas ás emerxencias, polos mecanismos de control do financiamento autonómico e pola falta de operatividade da aplicación nas tabletas entregadas a estes servizos para recibir a información dos avisos do 112.
Tabarés enmarca o sucedido nunha problemática que afecta ao funcionamento dos GES en distintos puntos do país, especialmente nas comarcas do interior, onde a dispersión da poboación e as distancias aos parques de bombeiros fan destes grupos un recurso fundamental para garantir unha primeira resposta ante as emerxencias.
















