Samuel Moreno gaña o V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O cociñero de O Campanario, en Nogueira de Ramuín, impúxose coa tapa “Do porco ata os andares”, que tamén recibiu o Premio á Innovación

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Iñaki Vila, Alberto Fernández e outros profesionais obtiveron os principais galardóns especiais nun certame que reuniu en San Pedro de Rocas a 45 cociñeiros das catro provincias galegas

Esgos, 20 de outubro de 2026.

O cociñeiro Samuel Moreno, do establecemento O Campanario, de Nogueira de Ramuín, gañou o V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia, celebrado no mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, co apoio da Deputación de Ourense a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Moreno impúxose coa tapa “Do porco ata os andares”, elaborada con leitón de porco celta cociñado a baixa temperatura, mazá e mostaza encurtidas, masa filo crocante e un caldo inspirado no ramen. A proposta, que rende homenaxe ao aproveitamento do porco e á despensa galega combinando tradición e creatividade, tamén foi distinguida co Premio á Innovación.

O gañador recibiu o trofeo do campionato de mans do presidente do Inorde e deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Fernández, ademais dun premio de 1.500 euros en equipamento para hostalaría concedido por Currás y Salgado.

O certame, organizado pola Academia da Tapa e do Pincho, desenvolveuse durante dúas xornadas e reuniu 45 cociñeiros das catro provincias galegas no mosteiro de San Pedro de Rocas.

Podio do campionato

O segundo premio foi para Iñaki Vila Porta, do restaurante Savi, de Miño (A Coruña), pola tapa “Alma Atlántica”, elaborada con gamba vermella, ovas, crema fresca iodada e escuma de auga de mar sobre unha tartaleta crocante de masa filo. O trofeo foi entregado por Núria Sánchez, subdirectora de Docencia e Formación Continua do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), e o premio completouse con 1.000 euros en produtos de IberCook Food Service.

O terceiro posto correspondeu a Gustavo Soliño Alfaya, de Pan de Millo Taberna Mariñeira, de Cangas do Morrazo (Pontevedra), pola proposta “As luras no seu laño”, elaborada con lura da ría, arroz negro, cacahuetes afumados á brasa e salicornia. O premio incluíu un trofeo e produtos de Comercial Reyvi valorados en 500 euros.

Premios especiais

O Premio á Tapa Sabores da Provincia de Ourense, patrocinado polo Inorde e CienPorCel, foi para Alberto Fernández, do hotel-restaurante Pallabarro, de Allariz, pola tapa “Meigallo”. A xerente do Inorde, Emma González, e Martín Touceda, de CienPorCel, fixeron entrega desta distinción.

Pola súa banda, o Premio á Mellor Historia Detrás dunha Tapa recoñeceu a Iñaki Vila pola súa creación “Alma Atlántica”, inspirada na contorna mariñeira de Miño. Presentada sobre unha pedra de praia, a tapa combina tartar de gambas, crema fresca con ovas e escuma de auga de mar.

A Mención Especial do Xurado foi para Carlos Permuy, do establecemento Arraigo, da Coruña, pola proposta “Rosetón crocante con anguía e pementos afumados”.

Premiados ourensáns

O certame tamén distinguiu varios profesionais da provincia de Ourense. Martín Fernández, de Bágoa Gastrobar, recibiu o Premio á Maridaxe con Viño Tinto Pizarras y Esquistos, de Adega Ponte da Boga, pola tapa “Ourelo”. Luis Romaní, do Club Santo Domingo, do Pereiro de Aguiar, gañou o Premio á Maridaxe con Vermú Povarelo pola proposta “As aparencias enganan”.

Ademais, Juan Valera e Ángel Canal, de La Estación de Lomán, obtiveron o Premio á Mellor Tapa con Carne Galega pola creación “Perla negra: unha xoia da gastronomía galega”.

Ourense Enogastronómica

A celebración do campionato no mosteiro de San Pedro de Rocas integrouse na promoción de Ourense Enogastronómica, concepto que reúne viño, gastronomía, natureza e historia para dar a coñecer a provincia como destino gastronómico.

Nesta quinta edición, o certame permitiu amosar o traballo dos cociñeiros participantes, así como os produtos e tradicións presentes nas súas propostas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------