O salón de plenos do Concello do Carballiño acolleu esta mañá o acto de recepción dos consellos parroquiais de Santa María de Bochum e de Santa Teresita da cidade de Bochum (Alemaña), que veñen de realizar unha significativa doazón de bens patrimoniais ao Templo da Veracruz. O alcalde en funcións, José Castro-Gil, e os concelleiros de Turismo, Manuel Dacal, e Educación, Lorena Castro, recibiron aos visitantes, acompañados de Jorge Juan Pérez, párroco do Carballiño. “Estamos moi agradecidos pola vosa xenerosidade, as vosas doazóns enriquecen o patrimonio cultural da Veracruz, pero tamén do Carballiño e de toda a comarca”, resaltou Castro-Gil, que fixo entrega de varios recordos ao grupo alemá, en mostra de gratitude e irmandamento entre pobos.
A parroquia de Santa María doou á Veracruz unha reliquia (a terceira do templo), así como numerosos bens para o culto como cálices, custodias, alfombras, lampadarios, reclinatorios, unha imaxe da Virxe do Perpetuo Socorro ou o Cristo que preside actualmente a Porta Santa do Templo Xubilar, entre outros obxectos. A a parroquia de Santa Teresita de Bochum, pola súa parte, doou ao templo carballiñés un órgano valorado en medio millón de euros. “Sempre estaremos en deuda con estas dúas comunidades pola súa xenerosidade e esforzo”, insistiu esta mañá Jorge Juan Pérez. Os representantes alemáns amosaron a súa alegría por atopar “un lugar marabilloso onde poden continuar vivos” os seus bens patrimoniais.
A proposta xurdiu durante unha estancia do párroco carballiñés en Alemaña, onde imparte exercicios espirituais desde hai varios anos. “O pasado mes de maio, unhas relixiosas que colaboran na misión española, ofrecéronme a posibilidade de adquirir estos bens, xa que a parroquia de Santa María ía pechar e preferían que os bens tivesen unha nova vida noutra comunidade, en lugar de vendelos”, detallou Jorge Juan Pérez. A través da parroquia de Santa María tamén se fixo posible a doazón do órgano por parte da parroquia de Santa Teresita.
A chegada do gran instrumento, posposta pola apertura do Ano Santo Xubilar, está prevista para o día 17 de novembro. “Son máis de 300 caixas, ademais da consola. De feito, ben nun trailer propio”, detalla o párroco. O obxectivo é que o órgano poida estar activo a finais do mes de xaneiro. “A montaxe, levada a cabo por unha empresa profesional, terá unha duración dun mes, mes e medio, xa que son máis de 1.200 tubos que hai que montar, afinar, darlle tratamento…”, apuntou.
Os representantes das dúas comunidades parroquiais de Bochum veñen de recibir as Medallas Pro Ecclesia Diocesana de mans do bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, no solemne acto que tivo lugar no Auditorio Ilduara de Celanova.

















