O Psdeg-Psoe de Ourense reivindica unha mocidade con dereitos e oportunidades e sitúa a educación e as bolsas no centro da súa aposta pola provincia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A candidatura socialista ás Cortes destaca o incremento histórico dos recursos para bolsas, o impulso á FP e as medidas para facilitar a emancipación xuvenil e apuntan que “o futuro dos mozos e mozas non pode depender dos cartos que teñan os seus pais”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Carmen Rodríguez Dacosta, subliña que “o PSOE ten unha posición moi clara: queremos unha mocidade que poida escoller o seu futuro, non unha mocidade á que a súa situación económica lle marque ata onde pode chegar”

“A mocidade de Ourense non necesita que lle digamos que ten que quedar aquí. Necesita que lle deamos razóns e ferramentas para facelo como formación de calidade, saídas profesionais, emprego e posibilidades reais de emanciparse. Esa é a diferenza entre falar da mocidade e apostar por ela”, sinala María Fernández

Ourense, 20 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica a aposta dos gobernos socialistas pola mocidade, cunha política que vai moito máis alá das declaracións de intencións e que se traduce en máis bolsas, máis formación, máis facilidades para acceder á vivenda e máis oportunidades para estudar, traballar e construír un proxecto de vida. Fronte a quen pretende facer da capacidade económica das familias un filtro para acceder a determinados estudos ou oportunidades, os socialistas defenden que a educación e a emancipación deben estar ao alcance de todos e todas.

A candidatura socialista pon o foco nunha realidade especialmente importante para Ourense, que a xente nova poida desenvolver o seu futuro na provincia, sen que a falta de recursos, as dificultades para desprazarse ou o custo de continuar os estudos condicionen as súas decisións. Para iso, o Goberno de España está a reforzar os instrumentos públicos que permiten ampliar oportunidades e reducir desigualdades, cun incremento moi significativo dos recursos destinados á educación e ás políticas xuvenís.

Máis do dobre de orzamento para educación e un 83% máis para bolsas

A candidata socialista ao Congreso dos Deputados, Carmen Rodríguez Dacosta, subliña que “o PSOE ten unha posición moi clara: queremos unha mocidade que poida escoller o seu futuro, non unha mocidade á que a súa situación económica lle marque ata onde pode chegar”. Asemade tamén apunta que “por iso gobernamos reforzando as bolsas, ampliando a oferta formativa e poñendo recursos públicos onde antes había dificultades e desigualdades”.

Os datos avalan esta aposta. O orzamento estatal en educación pasa dos 3.291,5 millóns de euros de 2018 aos 6.730,8 millóns en 2026, un incremento do 104,5 %. No caso das bolsas, a dotación medra dos 1.398 aos 2.559 millóns de euros, un 83 % máis. Máis de 964.000 persoas recibiron bolsas no curso 2024/2025 e a previsión é alcanzar as 977.000 no curso 2026/2027.

Dacosta destaca tamén o reforzo das axudas para estudantes que precisan desprazarse e residir fóra da súa casa para continuar a formación, coa subida da contía de residencia desde os 1.500 ata os 2.700 euros. “Nunha provincia como Ourense, onde moitos estudantes teñen que desprazarse para acceder a determinadas ensinanzas, estas axudas son decisivas. Non podemos permitir que unha persoa teña que renunciar a estudar o que quere porque a súa familia non pode asumir os gastos dunha residencia ou dun alugueiro”, afirma.

A candidata socialista lembra que este esforzo tamén ten unha tradución directa na provincia. No curso 2025/2026, máis de 2.600 ourensáns e ourensás benefícianse de bolsas non universitarias, cun importe próximo aos seis millóns de euros. Unha cifra que evidencia a importancia de contar cun sistema público de axudas que acompañe o alumnado e as familias.

A FP como porta de entrada ao emprego e como oportunidade para as comarcas

Pola súa banda, a candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, pon o acento na necesidade de que a formación estea conectada coas oportunidades laborais e coa realidade económica da provincia. “A mocidade de Ourense non necesita que lle digamos que ten que quedar aquí. Necesita que lle deamos razóns e ferramentas para facelo como formación de calidade, saídas profesionais, emprego e posibilidades reais de emanciparse. Esa é a diferenza entre falar da mocidade e apostar por ela”, sinala.

Neste sentido, destaca o impulso á Formación Profesional, cun investimento de 545,4 millóns de euros en Galicia entre 2020 e 2026 e a creación de 29.547 novas prazas. No ámbito ourensán, a ficha recolle arredor de 13 millóns de euros destinados á FP e máis de 4.800 prazas públicas, ademais de 56 prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos.

Fernández Ojea considera que a FP debe desempeñar un papel fundamental na dinamización económica das comarcas ourensás, facilitando que as empresas conten con profesionais cualificados e que os mozos e mozas poidan acceder a formación vinculada ás necesidades do territorio. “Non abonda con formar persoas; temos que facilitar que esa formación teña unha saída laboral. A FP é unha ferramenta de primeira orde para conectar a educación coas empresas, coa industria, cos servizos e cos sectores produtivos que necesitan man de obra cualificada na provincia”, engade.

Emanciparse, acceder á cultura e ter máis liberdade para decidir

A aposta socialista pola mocidade non remata nas aulas. O PSdeG-PSOE destaca tamén as medidas estatais que buscan reducir os obstáculos económicos que impiden dar pasos cara á independencia persoal e á participación social.

Entre elas figura o Bono Alugueiro Mozo, cunha axuda de 250 euros mensuais durante un máximo de 24 meses e máis de 120.000 persoas beneficiarias. Tamén o Bono Cultural Xove, que xa chegou a máis de 1,3 millóns de mozos e mozas, e o programa Verán Xove, que superou os catro millóns de beneficiarios e os 16 millóns de viaxes entre 2023 e 2025. A candidatura socialista destaca igualmente o programa Luisa de Medrano, que contempla ata 2.300 bolsas de 900 euros mensuais durante nove meses.

“Un mozo ou unha moza non pode ter que renunciar a alugar unha vivenda, ir ao cine, coñecer outros lugares ou completar a súa formación porque non chega a fin de mes. As políticas públicas teñen que servir tamén para iso, para que a mocidade teña máis autonomía, máis capacidade de decisión e máis posibilidades de participar na sociedade”, apunta María Fernández Ojea.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Desde o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que estas medidas marcan unha diferenza política evidente. “Mentres o PSOE amplía bolsas, aumenta os recursos educativos e impulsa axudas para a vivenda, a cultura e a mobilidade, nós temos claro que non se pode pedir á mocidade que constrúa o seu futuro sen darlle os medios para facelo”, apuntan.

A candidatura socialista conclúe cunha mensaxe directa. “Queremos que estudar non sexa un luxo, que emanciparse non sexa unha carreira de obstáculos e que nacer en Ourense non supoña ter menos oportunidades. O PSOE aposta pola mocidade con orzamentos, con medidas e con dereitos. Porque unha provincia que non ofrece oportunidades á súa xente nova está renunciando tamén ao seu propio futuro”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------