O PSOE pide que Punxín conte cun escudo heráldico que “aporte maior identidade”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Punxín rexistrou unha moción para ser debatida no vindeiro pleno municipal na que instan ao goberno municipal de Punxín, conformado polo Partido Popular e un concelleiro non adscrito, a solicitar a elaboración dun escudo heráldico propio. O obxectivo que se marcan as concelleiras socialistas é o de “aportar maior identidade” ao municipio, xa que consideran que “chegou o momento de que Punxín conte cun escudo propio que sirva para identificarnos como entidade local”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que en 2020 cumpríronse 150 anos dende que Punxín foi ascendido á categoría de concello independente, motivo polo que consideran “importante” dotar ao municipio e a súa veciñanza dun escudo. As socialistas tamén afirman que “hai que rematar cunha fenda histórica con respecto a outros concellos da comarca”, xa que a día de hoxe Punxín é o único concello da bisbarra que non dispón dun escudo heráldico propio.

Para a voceira do PSdeG-PSOE no municipio, Lorena Peleteiro, os símbolos das entidades locais “son a primeira imaxe que a cidadanía percibe delas, xa que os identifica e diferencia, entre outras cousas, do resto de entidades”. Esta aplicación heráldica, supón en palabras de Peleteiro, “un signo de identidade para perpetuar e divulgar as peculiaridades históricas e xeográficas das entidades locais”.

A voceira socialista tamén apunta a que a Xunta de Galicia establece un procedemento “regrado, a disposición gratuíta das entidades locais e encamiñado a lograr unha simboloxía propia a cada entidade local que o solicita”. Peleteiro tamén fai fincapé en que o pleno da corporación municipal “ten a facultade de adoptar os acordos relativos á aprobación de escudos heráldicos e privativos”, tal e como se recolle na Lei 5/1997 do 22 de xullo, da Administración Local de Galicia (art.64.2.b) e segundo o artigo 16 do Decreto 19/2010, do 11 de febrero, polo que se aproba o regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia.

Para Lorena Peleteiro “é un bo momento para dotar as nosas xentes dun escudo heráldico, que os identifique co territorio e coas súas raíces e que sirva tamén para o seu uso en documentos de dominio público”.

PUBLICIDADE