- O programa gratuíto Incorporación á produción de leite de vacún e consolidación das cooperativas lácteas comeza o 7 de febreiro.
- A formación será online, mediante o método de Aula Virtual.
- As persoas interesadas en participar no programa poden matricularse en www.agaca.coop.
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) pon en marcha o programa formativo Incorporación á produción de leite de vacún e consolidación das cooperativas lácteas. Diríxese a persoas desempregadas con intención de incorporarse ao mercado laboral nunha explotación gandeira. Consta de dúas accións formativas.
En primeiro lugar, o curso “Incorporación á explotación agraria, orientación vacún de leite” impartirase en aula virtual entre o 7 de febreiro e o 19 de abril, en horario de 09:30 a 14:30 horas. A formación conta coa homologación da Consellería do Medio Rural.
Inclúe 8 módulos que desenvolven os seguintes temas: empresa agraria e a súa xestión técnico-económica, Asociacionismo, comercialización e trazabilidade, Relacións laborais e prevención de riscos laborais, Sensibilización medioambiental, Agrotecnoloxía, Produción de forraxes e alimentación do gando e Produción de leite e manexo do gando.
Quen complete con éxito esa parte, avanzará a un curso de Aplicador/Manipulador de produtos fitosanitarios, de 25 horas, para a obtención do carné necesario para traballar con estes produtos. O temario vén regulado polo Real Decreto 1311/2012, de 14 de setembro.
A iniciativa forma parte do proxecto Formación para a consolidación das cooperativas agroalimentarias de Galicia, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, xestionado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), que inclúe outros programas formativos, un orientado á incorporación ao sector hortícola e outro de apoio á función xerencial nas cooperativas agroalimentarias. Conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, mediante a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades e empresas da economía social para o desenvolvemento de proxectos destinados á creación de empresas e entidades da economía social ou á mellora da competitividade e o apoio á consolidación empresarial das mesmas.