Torques de Honra á Diócese de Ourense

O Centro de Estudios Chamoso Lamas acordou conceder o seu galardón Torques de Honra na edición deste ano 2019 aos Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense pola súa contribución á catalogación, preservación e difusión do patrimonio documental da diócese ourensana, labor que se vén realizando sistematicamente nas últimas décadas dun xeito continuo malia á escaseza de recursos coas que contan.

Neste aspecto, o Centro de Estudios quere subliñar o papel xogado polos distintos directores na catalogación e no constante labor de captación dos ricos e abondosos fondos cos que conta o legado eclesiástico e que teñen servido para o estudo e elaboración de numerosos traballos realizados ó longo dos  anos de vida destas dúas institucións.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Centro de Estudios Chamoso Lamas quere, tamén, recoñecer e agradecer a colaboración prestada polo persoal destes dous arquivos cos investigadores que acoden a diario ás súas instalacións, facendo unha mención moi especial na figura de D. Miguel Ángel González García, actual director dos mesmos e gran valedor de iniciativas como é a publicación da revista de investigación Diversarum Rerum e a súa implicación persoal en numerosas actividades culturais de fomento da investigación (congresos, conferencias, publicacións, etc.).

O acto de entrega tivo lugar o 21 de decembro, ás 20,30 horas, no Restaurante A Fuchela do Carballiño. 

O Torques de Honra é un galardón que o Centro de Estudios Chamoso Lamas realiza con carácter bianual para distinguir o traballo de persoas e entidades a prol da conservación, recuperación e divulgación do patrimonio histórico-cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro.  Dende a creación do mesmo no ano 2008, o Centro de Estudios Chamoso Lamas leva concedido un total de oito galardóns, tres de xeito extraordinario e cinco con carácter ordinario e bianual. Os cinco últimos entregáronse ao arquitecto nado no Carballiño Manuel Gallego Josrreto (2017); ao Museo Etnolóxico de Ribadavia e ao seu creador Juan Carlos Sierra (2015);  a Fray Damián Yáñez, bibliotecario do Mosteiro de Oseira (2013); ao Almanaque Agrícola (2011) e a Olimpo Liste, creador do Museo Etnográfico Olimpo Liste de Oseira (2009).