Presentación ruta das Tapas

A RUTA DAS TAPAS DESTE VENRES, 7 DE FEBREIRO, RENDERÁ HOMENAXE Á GASTRONOMÍA DO ENTROIDO E SORTEARÁ UNHA FIN DE SEMANA PARA DÚAS PERSOAS NO HOTEL SPA OCA AUGAS SANTAS DE FERREIRA DE PANTÓN

Os dezaseis locais hostaleiros inscritos na Ruta das Tapas ofrecerán este venres, 7, e o seguinte, 14 de febreiro, tapas baseadas na gastronomía propia do entroido, que se servirán ao prezo de 2 euros. Así mesmo, sortearase entre os clientes que participen nesta nova xornada unha estancia de fin de semana para dúas persoas no hotel spa Oca Augas Santas de Ferreira de Pantón.

AVANTAR ACTIVIDADES

O evento foi presentado este mediodía no Bar Soldado coa presencia do concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; a relacións públicas de Pazo Tizón, Raquel Cabo, e representantes dos locais hostaleiros.

Ao término da presentación realizouse o sorteo correspondente á ruta das tapas do mes de xaneiro, consistente nunha fin de semana para dúas persoas nun hotel spa de Sanxenxo, e cuxa afortunada foi Cristina Vázquez.

Manuel Dacal diulle a noraboa por teléfono en nome dos hostaleiros, de Pazo Tizón e do Centro Comercial Aberto. Tamén agradeceu a colaboración e a creatividade da hostalería carballiñesa, que se supera en cada xornada e contribúe a que a ruta das tapas teña o éxito que ten. Recordou que na APP quedamosdetapas.com pódense ver as diferentes propostas culinarias destas novas xornadas das tapas, baseadas na gastronomía propia do entroido.

Raquel Cabo amosou a súa satisfacción por colaborar con esta iniciativa e agradeceu a confianza do sector hostaleiro nos viños da adega Pazo Tizón.

En nome do sector hostaleiro, a xerente do Bar Soldado animou á veciñanza a participar nestas novas xornadas das tapas e a disfrutar das diferentes propostas de cada establecemento.

Filloas recheas de xamón e queixo San Simón da costa, tostas de lacón e queixo de Arzúa, flan de filloa, filloa rechea de grelos con langostinos, burritos de cachucha prensada e salsa picante, arepas recheas de lacón cocido e outras tapas saladas e douces completan a ampla gama de posibilidades de degustar os productos típicos desta época do ano.