D. Francisco José Fraga Civeira, na condición de voceiro do grupo municipal de Espazo Común, trasládolle a proposta de adquisición de máscaras de protección por parte do Concello de Piñor para repartir á totalidade da poboación do término municipal.
A medida de confinamento na que estamos inmersos dende a declaración do estado de alarma hai xa case un mes amosouse como unha estratexia útil para diminuír a propagación da pandemia ocasionada polo coronavirus COVID-19. Máis esa situación de estado de alarma non se vai poder prorrogar de xeito indefinido no tempo e de feito o Goberno xa ten anunciado que se procederá a unha paulatina retirada dese confinamento conforme as cifras de afectados se vaian estabilizando. Chegado ese momento as medidas de hixiene e de distanciamento van ser imprescindibles para loitar contra a propagación da pandemia do COVID-19 entre a nosa veciñanza. Entre esas medidas unha das máis eficaces, como ven de recoñecer a OMS e tal e como se aprecia nos datos dos países que implantaron esa medida, é a das máscaras de protección; algo que seguramente se converta en necesario para saír á rúa.
Polo exposto é polo que dende o grupo municipal de Espazo Común demandamos do Concello de Piñor a adquisición como mínimo dunhas 4.000 máscaras de protección para repartir á razón de tres por cada residente no concello. O seu custo (a día de hoxe non superior a 3.000 euros) sería perfectamente asumible polas arcas municipais e o seu reparto suporía un importante beneficio para a saúde de toda unha veciñanza que estaría así máis protexida contra o contaxio polo coronavirus COVID-19.